Lara Méndez anuncia novos dispositivos de vixilancia contra a ocupación ilegal

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, dispuxo hoxe coa Subdelegación do Goberno o incremento dos dispositivos coordinados de vixilancia para disuadir e atallar as ocupacións ilegais de vivendas na cidade.

A rexedora mantiña un novo encontro esta mañá con Isabel Rodríguez e os responsables da Policía Local e Nacional para planificar os operativos “cos que pretendemos atallar a conflitividade social que algúns destes casos están xerando na capital e nos que a entrada nos inmobles está relacionada directamente co tráfico de drogas”, explicou Méndez.

A alcaldesa referiu que a Administración municipal está actuando xa “con intervencións permanentes, das que cada semana facemos un seguimento nas xuntanzas que manteño todos os martes co Intendente Jesús Piñeiro, como máxima responsable da Policía Local. Trátase de accións que se realizan de forma programada co resto de Corpos e Forzas de Seguridade do Estado para darlles apoio e que abordamos periodicamente con encontros como o mantido esta mañá, alén de que ante circunstancias ou eventos especiais, poidamos convocar ademais á Xunta Local de Seguridade”, apuntou Lara Méndez.

A alcaldesa quixo trasladar tamén unha mensaxe de tranquilidade á poboación, incidindo no feito de que Lugo mantén un dos índices máis baixos de inseguridade de toda Galicia e referiu que a maior parte dos casos de ocupación que se rexistran obedecen a situacións de vulnerabilidade e non de delicuencia como pode ser o caso que afecta actualmente á Milagrosa.

A rexedora reafirmou a súa disposición a reunirse coa veciñanza destes barrios, “á que a Policía Local mantén informada dos pasos que se van dando para frear a problemática que lles afecta”, ao tempo que amosou o seu compromiso de traballar man a man cos coletivos cidadáns para avanzar na reforma lexislativa a través dunha ILP.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com