Lara Méndez copresidirá a Conferencia de Alcaldes de Galicia e norte de Portugal postCovid

O Eixo Atlántico organizará en Pontevedra a primeira Conferencia de Alcaldes Post COVID19 o vindeiro xoves día 17, na que 31 alcaldes de Galicia e do norte de Portugal debaterán cun conxunto de expertos de alto nivel as políticas a desenvolver e o papel do concellos no proceso de reconstrución que se iniciará para superar a crise provocada pola pandemia. Presidirán esta conferencia o alcalde de Braga, Ricardo Río, presidente do organismo transfonterizo, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, vicepresidenta.

A rexedora lucense destacou a gran importancia que ten esta reunión, “a primeira na que alcaldes e alcaldesas de dous países que constitúen un sistema urbano transfronterizo asumen conxuntamente o liderado do proceso de reconstrución”, co obxectivo, incidiu, “de buscar solucións comúns e complementarias a enorme crise que sofre Europa e reforzar así a resiliencia e os recursos das cidades para afrontar a actual situación, pero tamén os efectos de futuras crises que puidesen producirse”.

A primeira edil de Lugo, defende o papel determinante que están a xogar os concellos na xestión da pandemia, non só reforzando e reenfocando os servizos que son competencia municipal senón tamén afrontando proxectos de benestar social e de reactivación económica “que non sendo das nosas competencias afrontamos igualmente para poder dar respostas necesarias e rápidas á nosa veciñanza”. Para o futuro, a rexedora insiste en que é necesario traballar conxuntamente nun novo escenario “no que os municipios debemos ser clave tanto na xestión dos proxectos que se desenvolvan como no seu financiamento”.

Nestes momentos, os municipios están preparando as propostas que se presentarán na conferencia e que, conxuntamente coas ideas que saian no debate do vindeiro día 17 conformarán a base dun documento que o Eixo Atlántico, da man do seu Secretario Xeral, Xoán Vázquez Mao, proporá aos gobernos de Portugal e España, así como á Xunta de Galicia, para ser incluídas nas políticas de reconstrución.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com