Lino Braxe: a luz da ausencia

Lembro a primeira lectura poética de Lino Braxe. Foi no teatro Colón,en 1982, na I Festa da Poesía. Lino actuou ao final. Foi convocado e subíu de vagar ao escenario. Fronte ao micro, botou man ao peto na procura do texto, e decatouse de que o esquecera na casa. Entón recitou o pema de memoria. Non souben xamais se fora así, ou se trataba dun xesto escénico do poeta. Lino era dado a estas cousas. O seu talento como actor facíalle levar o instinto dramático á propia vida.

Recitou moi ben. Lino tiña un especial talento escénico, repito, e este espazo éralle natural. Moitos anos despois, asistin a algunhas representacións do seu espectáculo “A Caricia da Serpe”, con Miguel de la Rubia e Saqués. E lembrei aquel primeiro momento de finxida (ou non) desmemoria, no teatro Colón. O espectáculo estaba feito á medida de Lino. Combinaban poesía, música e interpretación. E Lino estaba espléndido. Os tres cadraban ben. Miguel de la Rubia aportaba o seu talento e capacidade de improvisación de músico de rúa e pub, e combinaba moi ben con Lino nese aspecto.

Recordo telo escoitado cantar La golondrina, a canción que tanto nos engaiolou no filme de Sam Peckinpad, The Wild Bunch. Era unha despedida melancólica, chea de dramáticos presaxios. Os labregos da aldea mexicana despedían aos vellos pistoleiros, a quen acobillaran un tempo, e a despedida era un final a unha época. E o acto tráxico final para aqueles homes. Lino cantaba moi ben. Tiña voz de tenor. E isto faime recordar a súa amizade cos irmáns Balboa.

A Fernando adicou un poema en Banquete (1990), “Fernando Balboa, voz de resurrección”. Este libro e o de memorias e relatos, publicado o mesmo ano, A memoria perdida, son, para min, o cerne da obra de Braxe. Autentican e mostran un estilo que define ao autor e á súa obra, facéndoos recoñecíbeis.

Nas xornadas de homenaxe a Manuel Balboa, celebradas na Coruña en maio do 2008, puidemos escoitar a música de cámara do compositor (recordo un fermoso diálogo entre clarinete e cello) e foi un estremecemento porque non só estabamos a escoitar a súa obra, senón porque nos fixo lembrar as veces nas que tivemos o agasallo da súa compaña, da súa palabra.

E, escoitar a música de Balboa, foi tamén deixarnos levar pola tristeza da súa ausencia e doutra, sempre presente, a de Luísa Villalta. Lino escrebeu o Diálogo dos mortos e a noite. O segredo namorado desde a súa música, nun estilo que se presta ao xogo escénico, con acento dramático. Lino Braxe e Manuel Balboa teñen en común un acento estético e expresivo que os une: a confluencia das diversas artes nunha apenas. Son artistas de varias cordas.

Dos escenarios aos pubs da noite. Do diálogo entre clarinete e cello, ao fraseo diatónico no acordeón de Rómulo Sanjurjo. Do elevado ton dun tenor ás cancións tabernarias de Miguel de la Rubia. Dos cantos á espada de Byron a toda a poesía que o vento levou. Todo ese vento que levou tamén tanta esperanza, tantos soños, e que levou todos estes anos nosos.

E agora que ollo algunhas fotos de antes, e remonto ao ano mil e novecentos e oitenta e catro, vexo a Lino con Hentique Rabuñal e con outros, tan novos todos, na homenaxe a Méndez Ferrin, naquela homenaxe duns estudantes coruñeses a quen escrebera Con pólvora e magnolias.

E entón lembro a Lino nas rúas da cidade, vestido de negro, elegante e tráxico na súa novísima e poética figura, ollado con extrañeza. Levando o vento dunha baía nun poema escrito a noite anterior. Como se alguén debuxara a desolación dunha praia. Como se alguén pintara as imaxes dalgún naufraxo.

 

                                                                        Miguel A. Mato Fondo

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com