Lois Celeiro pregoeiro da 2ª Festa do Peregrino en Triacastela

O xornalista Lois Celeiro foi o encargado de ler o pregón  este mediodía na vila de Triacastela co gallo da celebración da Segunda Festa do Peregrino desta vila da montaña luguesa.

Celeiro e orixinario das Terras de Louzara no veciño concello de Samos e un gran coñecedor do Camiño Francés do que ten escrito libros e artigos de prensa foi xunto co exconselleiro Victor Vázquez Portomeñe un dos creadores do Xacobeo 93, que cambiou para sempre a visión das peregrinacións a Santiago. Director de Comunicación da Universidade de Santiago e tamén profesor na súa Facultade de Ciencias da Comunicación. Celeiro é vicepresidente da Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago e Académico Numerario da Academia Xacobea.

Este é o resume do pregón:

Saúdas

Estamos en terrar altas e montesias. Triacastela, abrigada pola Albela, A Meda e o Monte do Iribio, xa vén de vello. Alfonso IX, de León e Galicia, hai cerca de mil anos (s. XII), fundou Vilanova de Triacastela, unha vila impregnada pola cultura e o saber medieval, abrazada pola grandeza e a inmensidade da natureza, polas paisaxes divinas, polas estrelas celestes que orientaban o camiñar dos camiños cara a Santiago de Compostela, cara o fin da terra, cara a tumba do Apóstolo no Santuario erguido naquel monte do Libredón por outro Afonso, Alfonso II, El Casto, quen andou por estas terras xa no s. IX. Aquel Rei de Asturias educouse aí, ao lado, no Mosteiro de Samos.

Triacastela e todos os lugares da redonda teñen cravadas no seu ser as pegadas da historia, dunha historia que nos remonta aos tempos primitivos. A demostración máis elocuente é a Cova de Eirós, na parroquia de Cancelo, onde está cientificamente demostrado que houbo vida humana hai 50 mil anos. Nas súas paredes interiores hai mostras de pinturas artísticas, con 9 mil anos de antigüidade.  Xa son anos, verdade!

Son das máis antigas atopadas no Noroeste. A Cova declarouse BIC en 2019 e agora a súa protección está garantida, como deberíamos ter garantía da restauración e conservación das pinturas das igrexas de Cancelo, de Santalla do Alfoz e de San Salvador de Toldaos, onde loce tamén a Virxe Abrideira, de madeira, datada no s. XIV.

Respecto é o que pedimos e esiximos. Os de aquí, queremos compromiso e garantías de conservación deste patrimonio, que -por certo- é patrimonio da humanidade. Respecto ás ideas de cada quen, respecto ao Medio e ao Medio Ambiente. E, coidado, coidado absoluto da paisaxe, da natureza e das poucas riquezas que nos quedan.

Estamos, prezados veciños, nun concello pequeniño, pero con historia inmensa e valor determinante na construción de Galicia. Esta é terra de paso de peregrinacións e comerciantes, de cultura, de arte e de aportacións milenarias,  que tanto pouso deixaron dende os seus comezos. Os historiadores cóntannolo e, grazas a esas fontes históricas, sabemos que o pasado escribiu páxinas importantes da nosa historia, da historia de Galicia, de Galicia e Portugal, de Aragón, de León e Castela.

A principios do s. IX, o Rei Ordoño II ordenou a restauración dun Mosteiro desta localidade (de San Pedro e San Pablo) e decontado entrégallo á Igrexa Compostelá. Por aquí andou Diego Xelmírez e a Raíña Urraca, que se ben é certo que tiveron importantes desavinzas, souberon facer as paces en perfecta alianza e xuntaron esforzos para defender ao fillo da Raiña, Alfonso VII, que nacera en Caldas de Reis, o 1 de marzo de 1105.

Xa ven, este lugar que nos acolle e que nos honra coa bonhomía e xenerosidade das súas xentes, foi na Idade Media centro neurálxico para a toma de decisións políticas, guerreiras e relixiosas. Foi un dos lugares citados pola primeira guía de viaxes editada no mundo, o Códice Calixtino, o Liber Sancti Jacobi, de Aimerico Picaud, que se iniciou na época do arcebispo Xelmírez.

O Camiño xeraba negocio xa daquela. Segundo Aimerico Picaud, os hospitaleiros, taberneiros e os donos das pensións de Compostela mandaban aquí a axentes comerciais para recadar clientela para as súas pensións, ou viñan eles mesmos, facendo, nalgúns dos casos, anuncios enganosos e cobrando por adiantado.

Pero, de onde vén o nome da nosa vila histórica? Pois uns din que pola existencia dos tres castelos e outros interpretan que o nome está relacionado cos tres castros, que persisten: O de Triacastela, no lugar de Ramil; o de Lagares, de Santalla de Alfoz, e o de San Adrián, de Fompernal.

E hai tamén quen di que o significado do topónimo é “cara Castela”.

 

Non importa, xa dende hai moitos anos, sabemos que de Castela vénse por Triacastela e vaise, por Samos, Sarria e Barbadelo, cara a Compostela.

As parroquias deste concello teñen as oito topónimos escritos na antigüidade,  A Balsa  de San Breixo, onde tamén está San Pedro do Ermo; San Cristovo de Cancelo, con Folgueiras e Tras do Castro; Lamas do Biduedo e Santa María do Monte, honrando ás alturas, cerca do máis alto que temos por aquí. Santalla de Alfoz e San Salvador de Toldaos, a Vilavella e  esta de Triacastela, con Pasantes, Queixadoiro, Ramil e feira de cada un dos días 28. O libro “Triacastela, refuxio real”, de Xosé Manuel Salgado e editado polo Concello, amplía en xeito e forma isto que digo.

Uxío Novoneyra nun magnífico poemario seu, “Arredores e desvíos do Camiño de Santiago”, dedica uns versos a Triacastela:

DE cara a Triacastela / DE cara a Triacastela / polo cimeiro vial / por Liñares i o Hospital. / E se a terra tremela / derregar para Louzarela   …

 

Aí mesmo está Louzarela, preto do “Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe”, onde nace o Lóuzara, de camiño para Praducelo e O Alto da Pedra, no cimo, para ver toda a rodeada, para ollar un mudo enteiro e vir polo camiño do Iribio a Triacastela, por onde viñan cantando os carretos de bois, con carbón, madeira ou ferro.

Eu tamén son da Montaña, son do Samos alto, de preto do Caurel polo outro lado, de

cerca do Alto da Pedra. Entendo ben o dicir do poeta do Courel

(…)

E por Lóuzara/Padrocelos de Martín

trovador/hastra Samos. Retomado

o Camiño tra-la corta rodeada.  (Uxío Novoneyra)

 

Gustaríame falarlles algo máis disto, pero o calor aperta e o tempo pasa.

Teño tatuada na memoria unha lenda ou unha realidade que non se borra: a montaña desprende coñecemento e sabedoría; fala e aloumiña aos homes de palabra, desprende fiabilidade, seriedade e contundencia. Crea personalidade, ao longo do tempo, que por certo –para os que temos máis de sesenta- pasa voando.

Como guía para andar polas alturas, deberíamos ter presentes tres conceptos:

-Sabedoría / -palabra e -tempo

Os tres definen a grandeza desta terra. E, máis aínda para aqueles que saben que para gozar do sinxelo é necesaria certa altura. Altura intelectual como o birindeiro da Montaña, Antonio Río Montero, O Ribeira de Louzarela; como a daquel cura do Cebreiro Elías Valiña, como a dos artesán que traballan tanto como os outro traballan.

Eu moito lle debo a esta montaña, a estes pobos, a estas xentes, que son (sodes) todos a miña xente. Son xornalista por casualidade, máis ben débolles esta profesión na que traballei  e que tanto me gustou, a dous homes, Celso Emilio Ferreiro e Xesús Alonso Montero.

Cando o primeiro veu do exilio en Venezuela, o profesor Alonso Montero convidouno a dar unha conferencia en Lugo e, pola noite, un grupo de estudantes fomos cear co poeta a unha taberna de Recatelo. Foi naquela cea cando peribín a idea de que o xornalismo podía contribuír a cambiar o mundo, que tanta necesidade de cambio tiña.

Pero son da montaña de Lugo, destas terras, por nacemento, por veciñanza, por familia e por cultura. Igual que sodes vós.

Igual que o Ribeira e a súa familia, á que transmito os parabéns do cura Xesús Mato e a quen quero lembrar outra vez, cunha das súas regueifas:

Eu pensei que podía estar só , pero ben que me acompañaron.Doulle-las gracias a todos pola atención que prestaron.

 

Dixen.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com