Louzao acusa a Méndez de “perxudicar ás explotacións gandeiras de Lugo”

A portavoz de Cidadáns no Concello de Lugo, Olga Louzao, acusou esta mañá a Lara Méndez de “prexudicar ás explotacións gandeiras do municipio de Lugo co atraso na concesión de licenzas para ampliación e mellora das granxas e co cobro de taxas abusivas nestas obras”.

Tras reunirse co presidente da asociación Agromuralla, Roberto López, Olga Louzao revelou que máis de 20 gandeiros do municipio de Lugo presentaron queixas no Concello por non ser informados da rebaixa á que tiñan dereito do 50% no imposto municipal no momento de realizar obras de mellora ou ampliación das súas explotacións. “Estamos a falar de contías na maioría dos casos de entre 6.000 e 8.000 euros que o Concello cobrou de máis aos gandeiros”, explica Olga Louzao, que pedirá no próximo Pleno ao Goberno municipal que articule unha fórmula para a súa devolución.

A portavoz de Cidadáns explica que “a falta de información por parte do Goberno municipal fai que a maioría das bonificacións e exencións aprobadas ao pago de tributos non fornezan efecto algún e acaben sendo unha simple medida para a galería”. Pon como exemplo o feito de que tan só concedeuse en todo 2018 unha única bonificación no pago do imposto municipal para obras en instalacións agrogandeiras, unha rebaixa do 50% do importe abonado ao que terían dereito todos os titulares de explotacións que realizasen algún tipo de obra de mellora.

O Concello de Lugo tampouco está a aplicar a bonificación do 95% do IBI ás explotacións agrarias durante 2018, 2019 e 2020 aprobada para atenuar as consecuencias do catastrazo pola revisión dos valores tributarios por parte do Ministerio de Facenda. Por iso, Olga Louzao cualifica de “fracaso” a creación, “anunciada aos catro ventos” por parte do Goberno de Lara Méndez dunha Oficina do Rural.

“De que serve contar cunha oficina do rural se non asesora e informa os gandeiros”, indicou a portavoz de Cidadáns, que culpou á alcaldesa de haber “marxinado e prexudicado á zona rural” coa súa “nefasta xestión” á fronte do Concello nestes catro anos. “Non só non axudou aos agricultores e gandeiros lucenses nestes catro anos, sinó que os prexudicou”, afirma Olga Louzao.

Cs non apoiou á bonificación do IBI

O Goberno local, ante as declaracións de Olga Louzao, lembrou que este grupo municipal non votou a favor da proposta impulsada polo Goberno socialista de implantar unha bonificación do 95% no IBI das construcións destinadas a actividades económicas agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario co fin de dinamizar social e economicamente o rural. Asemade, aseguran que o Concello aplica, dende marzo de 2017, unha reducción do 50% nas taxas municipais por prestación de servizos urbanísticos á totalidade das solicitudes de licenza vinculadas con explotacións agrarias e forestais.

En canto á reducción do 50% do ICIO, os servizos municipais están a realizar a avaliación preceptiva das solicitudes formuladas co fin de elevalas a Pleno para a declaración dos proxectos de especial interese municipal, paso previo á aprobación da rebaixa fiscal.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com