" />

Louzao anuncia unha oposición “útil, propositiva e responsable” apoiando “proxectos clave”

A voceira municipal de Cidadáns en Lugo, Olga Louzao, avanzou esta mañá que a súa formación levará a cabo, na lexislatura que entra, unha “oposición útil para Lugo, propositiva e responsable, denunciando todas aquelas cousas que se fagan mal pero apoiando todas aquelas que sexan boas para os lucenses e para sacar á cidade da parálise actual”.

A agrupación, que mantén a representación na Corporación Municipal, con dous edís, quere “que a cidade se poña a andar canto antes” e, por iso, Olga Louzao pediu a Lara Méndez e a Rubén Arroxo “que se poñan dacordo canto antes nese novo goberno que prometen para Lugo”.

Cidadáns anuncia que “arrimará o ombreiro en temas fundamentais nos que todos estamos dacordo e que non poden agardar máis” e pide ao novo goberno “que teña unha actitude recíproca de diálogo coa oposición, algo que non houbo nestes últimos catro anos”. “Rubén Arroxo queixábase en todos os Plenos de que o goberno de Lara Méndez non falaba coa oposición nin tiña en conta a oposición para nada, agardamos que isto non se repita porque os 25 concelleiros e concelleiras que formamos parte da Corporación representamos aos cidadáns de Lugo e temos cousas que aportar”, dixo.

Neste sentido, Olga Louzao insistiu en que “a cidade non pode perder máis tempo e hai asuntos que requiren unha solución canto antes” e lembrou que “en moitos temas hai coincidencia das distintas forzas políticas e mesmo acordos plenarios que simplemente hai que desenvolver e poñer en marcha”.

Puxo como exemplos a execución das sentenzas do Garañón, onde “existe un acordo plenario asinado polo BNG con PP e Ciudadanos en base ao derrubo das torres e evitar indemnizacións millonarias para as arcas municipais e que debería ser a base para actuar neste asunto de vital importancia para a cidade”, afirmou a voceira de Ciudadanos.

Tamén hai acordo, lembrou Olga Louzao, para a recuperación dun sistema ORA gratuito e para municipalizar o servizo de guindastre, para renovar o contrato de recollida de lixo, ampliar a Escola de Música, convocar as prazas das ofertas de emprego público dos anos 2017 e 2018, implantar un sistema de control horario no Concello ou acometer obras como a peonalización do tramo da Mosquera, converter en unidireccional a Avenida da Coruña ou facer unha rotonda en San Eufrasio.

“Todas estas actuacións contarán co apoio de Ciudadanos”, anunciou Olga Louzao, que pediu a Lara Méndez e a Rubén Arroxo que “antes de marchar de vacacións presenten unha proposta de Orzamentos Municipais para este ano e convoquen de xeito inmediato a comisión para a reforma dos buses, algo que Rubén Arroxo reclamou insistentemente no anterior mandato”, lembrou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo