Louzao: “Durante anos a alcaldesa acusounos de mentir; agora compróbase quen mentía e quen non”

A portavoz de Cs no Concello de Lugo, Olga Louzao, celebrou esta mañá a aprobación dun plan municipal encamiñado a poñer freo aos incumprimentos legais, emendar deficiencias e corrixir erros desvelados pola Intervención Xeral do Concello no seu resumo de control interno de 2019. “Tras examinar o documento consideramos unha boa noticia a súa aprobación. Levamos desde o ano 2015 denunciando as continuas ilegalidades en materia de xestión económica e de persoal que agora Lara Méndez viuse obrigada a recoñecer a través deste documento. Durante anos a alcaldesa acusounos de mentir e de intentar boicotear o seu labor, pero agora compróbase quen mentía e quen non”, sinalou Louzao.

Louzao considera que este Plan de acción recolle os aspectos fundamentais que é necesario abordar entre os que se atopan as urxentes medidas para corrixir as deficiencia en materia de persoal, homoxeneizar os criterios para a concesión de subvencións e introducir elementos de control sobre elas mesmas, ou sobre os contratos menores. Segundo describe a voceira da formación laranxa, o documento enumera cada unha das irregularidades “denenciadas por Cidadáns pleno tras pleno”. “A súa execución sería unha boa noticia para o Concello e para os veciños e veciñas de Lugo. Aínda que a súa posta en marcha non vai garantir que haxa unha xestión eficaz, polo menos garantirá que haxa unha xestión legal, algo que non sucede agora”, apunta a edila.

“Este plan chega tarde como consecuencia da falta de vontade política de Lara Méndez para corrixir estas irregularidades desde a súa chegada á alcaldía no ano 2015. Desde este grupo municipal supervisaremos que, en efecto, se establecen as medidas de control suscitadas por Intervención e que a súa posta en marcha sexa efectiva. Non permitiremos que este necesario Plan de acción quede nunha mera declaración de intencións. Finalmente o Goberno local viuse obrigado a poñer coto ao descontrol debido ás graves obxeccións recolleitas polo habilitado nacional no seu control interno de 2019”, concluíu Louzao.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com