Lugo, a cultura dos “contedores sen contidos”

Segundo debate de XornaldeLugoTV, esta vez, centrado na política cultura, en concreto a do Concello de Lugo. Catro representantes de catro partidos debateron hoxe sobre este tema destacando, entre outras cousas a escasa axenda cultural da cidade.

Olga Louzao, voceira e candidata de Cidadáns á alcaldía; Carlos Baliñas, membro da lista de Lugonovo; Ángel Trabada, actual concelleiro do PP en Lugo e Carmen González, alcaldable de Galicia Sempre, expuxeron a súa opinión sobre un tema controvertido pero moi importante nunha cidade cun gran pasado histórico e cultural.

A conclusión á que chegaron todos os debatintes foi clara: a política cultural en Lugo é inexistente. Partindo desa base, os representantes non puideron máis que destacar a cantidade de edificios que hai en Lugo destinado a acoller actos culturais e que non se utilizan como deberan. Así, algúns dos debatintes consideraron o actual modelo cultural do Concello como o de “contedores sen contidos”. O Auditorio, o Vello Cárcere ou o MIHL foron algúns dos exemplos neste eido que resaltaron os participantes no debate.

Unha cultura “pensada en xerar titulares” é como Baliñas describía o que chamou o “modelo Basadre de política cultural” que opta, dixo, por unha cultura escaparate que confunde cultura con turismo. Un grande problema que acaba por xerar outros como que o Concello acabe por buscar en axentes de fóra da cidade actividades que poden desenrolar asociacións lucenses “logo de deixalas de lado”.

Outro tema a destacar foi a caducidade de máis de 50 contratos municipais. A situación económica “é nefasta”, segundo Olga Louzao, comezando polos contratos caducados dende o principio do mandato e que levan consigo que Lugo teña servizos anticuados. Algo no que coincidiu o edil popular que lembrou que o seu grupo levou pola vía xudicial este tema, que non só trae consigo moitas problemáticas nos servizos senón que tamén conleva un gran gasto para ás arcas municipais.

“¿Qué interese pode ter Lara Méndez para seguir mantendo a situación da caducidade dos contratos?”, esa foi a pregunta que Carmen González lle quixo enviar á rexedora dende o debate.

Para rematar este debate os grupos amosaron algunhas das propostas culturais que levan nos seus programas.

O debate sobre cultura continúa mañá con outros catro grupos que loitan pola alcaldía da cidade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo