O encontro, organizado por Alar Galicia, celebrarase o 18 de novembro na Delegación Territorial da Xunta e reunirá sete profesionais especializados en violencia de xénero
Lugo, 8 de outubro de 2026. A violencia dixital será o eixo das VI Xornadas de Prevención e Sensibilización da Violencia de Xénero, organizadas por Alar Galicia e que se celebrarán o vindeiro 18 de novembro na Delegación Territorial da Xunta en Lugo.
O encontro foi presentado este xoves polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares; o director de Alar Galicia, Fernando González; e o director territorial da Consellería de Política Social e Igualdade, Óscar Viñas. Ao longo da xornada, sete profesionais de diferentes ámbitos analizarán o impacto do acoso e da ciberviolencia, o seu desenvolvemento nas redes sociais e as ferramentas dispoñibles para actuar ante estas situacións.
As xornadas desenvolveranse en horario de mañá, entre as 9.00 e as 14.15 horas, e estarán estruturadas en tres mesas redondas.
A primeira estará centrada no acoso e a violencia dixital e contará coa participación do director xeral contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, e de Graciela Pérez, integrante do Equipo de Muller e Menor da Garda Civil.
A segunda mesa abordará a violencia nas redes sociais, desde a perspectiva da presidenta da asociación Stop Violencia de Xénero Dixital, Encarna Iglesias, e da investigadora Eleonora Espósito, experta nacional destacada na Dirección Xeral de Redes, Contidos e Tecnoloxía das Comunicacións (DG Connect) da Comisión Europea.
Por último, a terceira mesa poñerá o foco nas vías de intervención e nos recursos dispoñibles para facer fronte á violencia dixital. Participarán as psicólogas Silvia Otero, do programa Atenea de Alar Galicia, e Paula Castro, da área de violencia machista de Aliad Ultreia, xunto coa traballadora social de Cáritas Diocesana de Lugo Cristina Regueiro.
Inscrición aberta
As persoas interesadas en asistir poden inscribirse contactando con Alar Galicia nos teléfonos 982 243 316 e 608 803 171, ou a través do correo electrónico alar.galicia@alar-galicia.es.
Durante a presentación, Alfonso Villares destacou a importancia deste tipo de encontros para informar e concienciar á sociedade sobre os riscos asociados á ciberviolencia.
O delegado territorial lembrou tamén que acaba de iniciar a súa tramitación parlamentaria a futura Lei de Medidas Integrais contra o Acoso e a Violencia Dixital de Galicia, unha norma que pretende establecer medidas de sensibilización, prevención e detección do acoso e da violencia dixital, así como reforzar a protección e o apoio ás persoas afectadas.






