Unha nova central de bombeo proxecta mover 75.000 litros por segundo entre Santo Estevo e Edrada-Mao

 A sociedade A Senra Infraestructuras, participada por Iberdrola e Naturgy, presentou ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil un proxecto para unha nova central de bombeo na contorna da Ribeira Sacra. A iniciativa contempla un caudal de 75.000 litros por segundo e utilizaría o encoro de Santo Estevo como depósito inferior e o de Edrada-Mao como depósito superior.

O proxecto atópase aínda no trámite de competencia de proxectos e non transcenderon polo momento datos como a localización exacta, a potencia ou as características das conducións e demais infraestruturas.

ADEGA presentou alegacións contra a solicitude, ao considerar que o aproveitamento podería incrementar a presión sobre unhas bacías xa fortemente transformadas pola actividade hidroeléctrica. A organización lembra que Santo Estevo está integrado na Rede Natura 2000 e que ambos os encoros forman parte da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel.

A entidade ecoloxista cuestiona tamén a compatibilidade do proxecto cos obxectivos ambientais da planificación hidrolóxica e solicitou unha concesión polo mesmo caudal, pero destinado a usos ambientais.

Outro dos aspectos sinalados por ADEGA é a duración das concesións actuais: Santo Estevo ata 2051 e Edrada-Mao ata 2053. Segundo a organización, unha nova concesión de ata 75 anos podería implicar manter ambos os encoros operativos ata aproximadamente 2101, cuestión que considera incompatible cos obxectivos de recuperación dos ecosistemas fluviais.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com