Lugo entra no mapa do cinema europeo da man de Codex Cinema

Europa Cinemas acaba de recoñecer á sala lucense como parte da súa rede internacional de cinemas. Creado en 1992 co financiamento do programa Media da Unión Europea, inclúe 43 países, máis de setecentas cidades e preto de mil duascentas salas. Unha rede dedicada á difusión do cinema europeo e a promoción do mesmo entre as novas xeracións e que esixe como requisito ter unha programación onde os filmes continentais non españois supoñan unha porcentaxe superior ao 35%, baremo que Codex Cinema cumpriu con creces.

Desta forma, Codex Cinema convertese na segunda sala de Galicia en obter esta distinción tras o Cinema Numax de Compostela. Faino grazas a unha candidatura conxunta con Duplex Cinema, a nova sala de Ferrol que ao igual que Codex rehabilitou uns cines pechados para darlles unha nova vida mostrando cinema europeo, independente e en versión orixinal. Apostas diferentes que veñen a renovar a exhibición cinematográfica nun tempo de crise para as salas tradicionais. Uns cinemas que apostan pola calidade antes que pola cantidade, por unha programación feita con tacto e atenta aos problemas reais dos espectadores e non tanto como simple oferta de ocio pasaxeiro.

Esta distinción chega cando Codex Cinema está a piques de cumprir o seu segundo aniversario. En tan só dous anos de existencia, a sala lucense conseguiu entrar nunha rede da que só forman parte outros 61 establecementos en toda España. Así, Lugo aparece no mapa do cinema europeo por primeira vez desde a existencia do programa, e faino grazas a unha programación de calidade centrada no cinema europeo, de autor, con sensibilidade ao cinema feito por mulleres e atento aos grandes problemas da sociedade actual, como a violencia de xénero, o drama da inmigración, o éxodo rural, a marxinación da xuventude ou a desafección política. Para Codex Cinema é un orgullo representar á cidade de Lugo no programa Europa Cinemas e poder seguir traballando na normalización e visibilidade do cinema galego e europeo.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com