Lara Mendez

Lugo opta a 15 millóns de fondos da UE cos que pretende que a cidade viva cara ao Miño

O Concello de Lugo xa ten establecidas as liñas estratéxicas coas que vai concorrer aos fondos europeos de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado, o coñecido como DUSI. Nesta convocatoria a administración local opta a conseguir ata 15 millóns de euros para levar a cabo actuacións de mellora para a cidade, despois de superar un longo proceso de valoración por parte da Unión Europea que terá os seus resultados antes do mes de maio.

O proxecto do Concello foi titulado “Muramiñae, da Muralla ao Miño”, co que o grupo de goberno, tal e como explicou hoxe a alcaldesa, Lara Méndez, pretende “unir a cidade co río Miño a través da zona do Carme”, lamentando que durante moitos anos “o Miño viviu de costas a Lugo”. Unha proposta que foi aprobada o pasado venres en Xunta de Goberno, hoxe pola mañá foi exposta ante os grupos da oposición na Xunta de Voceiros e mañá será transmitida ao Consello Económico e Social (CES).

O orzamento total é moi elevado, de 18,7 millóns de euros, dos cales a UE financiaría como moito 15 millóns e o resto correrían por conta do Concello. Desta forma tamén as actuacións contempladas son moi numerosas, pero todas elas xiran ao redor de sete eixos básicos, como son a revitalización da zona do Carme, a posta en valor do patrimonio, a creación de novas conexión a pé, en bicicleta e rodadas entre a zona urbana e o río, o impulso do entorno fluvial con novas actividades e dotacións culturais, a creación de emprego e a inserción sociolaboral, a potenciación das novas tecnoloxías, e a posta en marcha de medidas de aforro enerxético e medioambiental.

A rexedora destacou “a capacidade e solvencia que o Concello de Lugo ten demostrado na consecución e xestión de fondos europeos, cuns 100 millóns de euros executados dende hai 16 anos en proxectos que transformaron a cidade”. Méndez defendeu o traballo feito como “serio, rigoroso, transversal, que contou e seguirá contando coa participación cidadá e segue unhas liñas estratéxicas moi claras que parten do modelo de cidade que queremos para Lugo: unha cidade verde, sostible, integradora, moderna e atractiva”.

Exclusión de barrios e parroquias

Sen embargo, os grupos da oposición xa fixeron as súas valoracións. A primeira e máis dura foi a do grupo municipal popular, que considera a proposta “outra oportunidade perdida para Lugo” e cualifica as accións contempladas como “pobres, pouco ambiciosas e que suporán cambios mínimos que non repercutirán nunha mellora global da cidade”. A edil Isabel Devesa denunciou que no informe “quedan totalmente á marxe das actuacións as parroquias”, así como “diversos barrios da cidade como Fontiñas, Sagrado Corazón, As Gándaras ou o barrio Feijoó”.

Pola súa banda o BNG-Asembleas Abertas xa presentou unha proposta para que unha parte dos fondos se destinen a potenciar e mellorar o barrio de Fontiñas. “O camiño primitivo entra na cidade de Lugo por este barrio e temos que coidar a imaxe do que é un dos grandes potenciais turísticos para Lugo e Galiza” sinalou o voceiro nacionalista Rubén Arroxo. Do mesmo xeito o BNG asegurou que “o goberno municipal ten que contar con todos os colectivos, entidades e coa xente de Lugo en xeral para optimizar o emprego destes recursos que se anuncian como moi considerables en canto á contía económica”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com