Lugo quedará inmortalizado nos lenzos do certame de pintura rápida ao aire libre

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, vén de anunciar unha nova convocatoria do Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre Cidade de Lugo, que terá lugar este domingo, 9 de xullo. Neste concurso poderán participar todos os artistas maiores de 18 anos que así o desexen, presentando unha única obra, que non se poderá asinar ata o momento no que se coñeza o ditame do xurado, composto por profesionais das artes plásticas.

O estilo e a técnica serán libres e a súa temática xirará sobre a cidade de Lugo en toda a súa extensión. A execución será directa, diante do motivo ou do modelo natural. O soporte non superará as medidas de 100×81 centímetros, e presentarase o día do certame das 09:00 ás 11:00 horas na Concellería de Cultura para ser selado. O tempo para presentar as obras rematará ás 17:00 horas e realizarase o control na Praza Maior, onde se coñecerá o ditame do xurado ás 18:00 horas. A partir dese momento, os autores dos cadros non premiados poderán poñer á venda as súas obras, asinándoas e poñéndolles na parte traseira o seu importe.

Esta exposición ao aire libre prolongarase ata as 20:00 horas, e mesmo as persoas participantes poden acudir con obras non premiadas de edicións anteirores e poñelas á venda xunto coas deste ano. O importe total dos premios é duns 5.500 euros distribuídos deste xeito: un primeiro premio dotado con 1.500 euros, un segundo con 1.000 e un terceiro, con 800. A maiores hai 6 accésits de 300 euros e un premio especial ao artista local, nacido ou residente en Lugo, de 450 euros. Ademais todas as persoas galardoadas recibirán un diploma acreditativo.

As inscricións, que serán gratuítas, realizaranse na Concellería de Cultura o propio día do certame. Para máis información, os interesados poden chamar aos teléfonos 982 297 212 ou 982 297 216, así como enviar un correo ao enderezo electrónico a cultura@concellodelugo.org

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com