" />

Lugo Sen Mordazas celebra o seu primeiro aniversario coas II Xornadas Abertas e Inclusivas

A Plataforma cidadá Lugo Sen Mordazas  cumpre un ano de vida e celebrará as súas II Xornadas abertas e inclusivas para a veciñanza de Lugo, propondo outros modelos de comunicación, convivencia e alimentación, onde subliñarán e defenderán que “a autoxestión é posible”, e onde tamén haberá espazo para a celebración da nosa festa de aniversario reivindicando lúdicamente as rúas e os centros sociais.

Lugo Sen Mordazas naceu un 15 de maio de 2018 ao calor de máis de 30 colectivos sociais, culturais e políticos (tamén individualidades) como forma de resposta ao goberno local, no seu intento de impoñer en Lugo unha Ordenanza Cívica co apoio do Partido Popular e Cidadáns, rebautizada pola plataforma como Ordenanza Mordaza, polas súas similitudes á Lei Mordaza aprobada polo Partido Popular en 2015.

“Esta ordenanza pretendía restrinxir o uso do espazo público, estigmatizar e perseguir aos sectores sociais máis vulnerables e censurar a actividade dos movementos sociais e políticos a través da represión e as multas administrativas, outorgándolle un poder totalmente arbitrario á Policía Local”, lembra o colectivo.

Tras numerosas actividades a pé de rúa, como o Festival Incívico, a plataforma puido conseguir o primeiro obxectivo que perseguía e no que viñan traballando dende facía tempo. O punto álxido desta loita foi a manifestación que percorreu a cidade o 26 de setembro, con centos de persoas baixo faixas que proclamaban que “non era civismo, senón clasismo”, nunha das manifestacións de carácter local máis numerosas que se lembran na cidade.

Deste xeito, coa loita e o apoio popular, conseguiron bater no proxecto de tramitación da ordenanza que finalmente sería retirado no pleno do Concello, demostrándonos que a loita é o único camiño.

“Trala marcha atrás no pleno, emitimos un comunicado no que celebrábamos a vitoria, pero onde tamén advertíamos de que estariamos atentos ante calquera nova manobra ou calquera aplicación das normativas vixentes que supoñeran un atentando contras as liberdades individuais e/ou colectivas”, recordan.

A pesares de conseguir o seu obxectivo principal, que era a retirada da Ordenanza Cívica, a asamblea da plataforma acordou nas súas reunións apostar pola continuidade dun éxito “baseado na sinerxia e unión entre persoas e colectivos con metas comúns”.

Así, entre os meses de novembro de decembro de 2018 a plataforma celebrou as I Xornadas baixo o lema “Por Unha Cidade Viva e Inclusiva. Tecendo Comunidade: Alternativas e Loita Social Fronte á Represión e Privatización”.

Cos obxectivos de continuar a loitar contra todas as mordazas que segue habendo na nosa sociedade e tecer comunidade entre as veciñas de Lugo, pretenden darlle a volta aos poderes fácticos e políticos que gobernaron ata o de agora o noso municipio, golpeado polo contexto económico que chaman “crise”, pero tamén pola propia “idiosincrasia” que fai de Lugo unha cidade que é noticia por temas de corrupción, causa destes mesmos poderes, como o Caso Carioca, o Caso Pokemon… con case absoluta impunidade e sobre o que ningunha ordenanza nin lei pretende meter man.

E neste contexto é onde xorde o II Ciclo de Xornadas,  que presentarán o 23 de abril no Salón de Actos do IES Lucus Augusti e que, nesta ocasión, desenvolverase cun formato diferente, con charlas e obradoiros en días hábiles , a partires das oito da tarde iniciándose na última semana de abril e durante todo o mes de maio.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo