Lugonovo aposta por converter a cidade nun referente do deporte inclusivo

Lugonovo insta ao Concello a promover a integración de persoas con algún tipo de diversidade funcional no deporte de base da cidade. “Trátase de que as modalidades adaptadas sexan vistas e consideradas como unha tipoloxía máis dentro do amplo abano das que xa están normalizadas” sinala o portavoz da formación, Santiago Fernández Rocha, acolléndose ao carácter como ferramenta rehabilitadora, motivadora e potenciadora da estima e da autonomía persoal que ten a súa práctica.

A proposta oriéntase, entre outros aspectos, a estimular  aos clubs locais para que conviden a participar nas actividades que desenvolven anualmente a todos os deportistas, independentemente de se teñen ou non algunha limitación física, psíquica ou sensorial. Unha incorporación que podería recoñecerse como un mérito máis para a percepción das subvencións municipais que contribúen ao mantemento destas entidades e para o aumento da súa contía.

“Lugo segue a sumar recoñecementos que avalan a súa accesibilidade. O último foi no eido turístico pero dende a nosa formación cremos firmemente que tamén, en materia deportiva o noso municipio pode destacar e converterse nun referente de igualdade. As escolas de base levan feito un gran traballo na difusión e promoción do deporte pero xa é hora de dar un paso máis cara a integración efectiva de todos os veciños e é misión do Concello incentivala”.

O Grupo Municipal suxire, entre outras medidas,  “seguir avanzando na dotación de instalacións deportivas libres de barreiras arquitectónicas, incrementar as convocatorias de bolsas económicas así como establecer marcos de colaboración entre as diferentes institucións e sensibilizar á poboación na relación beneficiosa entre o deporte e a discapacidade”, apuntou Fernández Rocha.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com