Lugonovo cualifica de irresponsable o descoñecemento do goberno sobre os termos do convenio para o Centro Integral de Saúde

“O goberno non sabe nin o que asinou, nin a canto obriga, nin dende cando nin por canto tempo”. Esa é a conclusión á que chega Cristina Pérez Herráiz, logo de intrepelar ao executivo sobre os termos que recolle o convenio para o Centro Integral de Saúde da Residencia.

A voceira de Lugonovo advertiu dende o primeiro momento que as condicións que, segundo o documento, debía asumir o Concello para propiciar o investimento autonómico nesa dotación non eran claras. “O que se demostra no feito de que os propios portavoces dos diferentes grupos da Corporación, fixéramos interpretacións distintas do mesmo”.

Pérez Herráiz refire que ante as dúbidas que lle ofrecía o devandito texto, o Grupo Municipal formulou á Comisión de Contas varias preguntas sen que ningunha delas quedase meridianamente clarificada. “Temos moitas sospeitas, por exemplo, de que se saiba o impacto económico real que terá a exención do IBI sobre as arcas municipais.

Pero é que, ademais, o propio secretario do Pleno recoñeceu no transcurso da reunión que o protocolo reflictía con inexactitude o resto de taxas sobre as que a Xunta recibirá bonificacións, así que é probable que, a maiores do ICIO, tamén se inclúan a meirande parte dos tributos locais”, di Cristina Pérez quen subliña, asemade, que a propia edil de Economía amosou confusión sobre os prazos da prórroga previstos para estes descontos.

“Dende cando gozará desa rebaixa é outro dos interrogantes que quedou sobre a mesa, do mesmo xeito que tampouco se descarta que comece a aplicarse a continuación de que remate o acordo para o equipamento do Auditorio”, sinala a voceira de Lugonovo. “É dicir, que é moi posible que a señora alcaldesa teña hipotecado a este Concello durante as próximas dúas décadas, mesmo sen ser ela consciente do que firmaba – reprocha. Como mínimo, unha absoluta neglixencia sobre a que non dubidaremos en pedir, se fora preciso, responsabilidades”, conclúe Cristina Pérez Herráiz.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo