Lugonovo denuncia a deixadez do concello na praza de abastos

Moito esforzo inversor pero mal aproveitado”. Esa é a conclusión á que chega Lugonovo “tras confirmar cos empresarios da Praza de Abastos que a reforma das instalacións non serviu, precisamente, para convertelas nun foco de atracción nin de clientes nin de visitas”.

A percepción da maioría dos comerciantes é a dunha caída considerable das vendas durante o último ano. Polas tardes o edificio parece un deserto e, polas mañás, vai camiño de chegar a selo”, lamenta Santiago Fernández Rocha.

Unha xestión “absolutamente deficiente” é, segundo o voceiro, a principal causa de que o recinto, “máis dun millón de euros despois”, non sexa reclamo dabondo, “agás para os paxaros”.

Para empezar, o punto de información está tirado no chan, no canto de pendurado no espazo reservado ao Concello que, neste intre, atópase baleiro, desprovisto de contido e de funcións máis aló de operar como garita. Tampouco hai indicación interior ningunha que oriente á cidadanía cara o pasadizo soterrado que comunica o inmoble co estacionamento o que fai que, a pesares do custo que tivo, estea infrautilizado”.

Un aspecto este sobre o que Santiago Fernández Rocha cre que hai moito que mellorar. “É evidente que os recursos actuais son insuficientes en canto ao tempo e as ferramentas que se empregan. Aquí un cubo e unha fregona son un chiste aínda que as consecuencias desta lectura sexan moito máis serias. O certo é que a imaxe do Mercado non está sendo todo o hixiénica que debera o que tamén pon en entredito o control sanitario que se exerce sobre el. Nin sequera as mesas que se ofrecen como soporte aos produtos da terra parecen os máis convenientes a xulgar polo aspecto que presentan, no que se aprecia unha clara transferencia dos alimentos ao plástico e viceversa”.

Dende a formación instarán ao goberno a corrixir todas estas eivas e a ter en conta as necesidades específicas ás que obriga o mantemento axeitado das dependencias.

A Praza debera ser unha prioridade dentro das políticas de dinamización comercial do centro histórico e liderar as vendas de produtos frescos e perecedoiros. Un obxectivo que semella imposible de acadar se temos en conta o ostracismo co que se está deixando esmorecer”, afea Rocha.

Ademais de rematar dunha vez o soto, que xa parece a réplica do Escorial, debéranse potenciar as súas cualidades como punto de encontro da cidadanía. Organizando actividades culturais e de ocio durante as tardes, como campañas de nutrición saudable; mellorando a súa sinalización e incluíndoa nos paquetes turísticos como un referente cultural e gastronómico local. ”, conclúe.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com