" />

Lugonovo denuncia o incumprimento dos servizos de limpeza e mantemento nas instalacións deportivas municipais

“Socorristas que teñen que limpar mentres vixían ós usuarios dentro dos vasos, limpadores que atenden ós nenos nas actividades e mesmo cobran o importe da entra. A esta polivalencia, que ás veces pode chegar a ser perigosa porque supón un descoido das funcións prioritarias que teñen encomendadas, hai que engadir un déficit moi pronunciado da hixiene nas instalacións deportivas municipais”.

Unha denuncia, segundo apuntan dende Lugonovo, reiterada polos veciños que as empregan e que chega tamén por boca do cadro de persoal “desbordado e temeroso das consecuencias que poida ter para a poboación a saturación de funcións que asumen”.

Segundo o portavoz do Grupo Municipal, Santiago Fernández Rocha “temos novas de que a empresa concesionaria reduciu o número de postos de traballo acordados inicialmente, e nin sequera está a cubrir as prazas vacantes tralas xubilacións. Iso está a provocar que cada empregado teña que facer, ó mesmo tempo, varias tarefas distintas e todas de forma deficiente. En Frigsa, por exemplo, hai dous operarios menos (pasouse de 5 a 3) ocupándose dos vestiarios e do aseo da praia da piscina”.

Dende Lugonovo ínstase ao Concello a tomar cartas no asunto e revisar a calidade da xestión que está a facer a empresa titular do servizo co fin de esixirlle que cumpra rigorosamente os termos do contrato asinado ante a proximidade da súa renovación.

“Estamos falando de que a hixiene nestas instalacións ten que ser máxima para asegurar ó cento por cen a súa salubridade tendo en conta a densidade de poboación que as utiliza, a diversidade da mesma e os riscos que asumen os usuarios se a limpeza e o resto das prestacións non cumpren tódalas garantías”.

Lugonovo xa suxeriu a conveniencia de que exista no Concello un departamento específico adicado á supervisión e vixilancia do bo funcionamento destes servizos externalizados, co fin de exercer un control exhaustivo do cumprimento dos convenios como requisito imprescindible para manter os contratos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo