" />

Lugonovo denuncia que as sinalizacións de leds dos pasos de peóns non funcionan

Cristina Pérez Herraiz, ven de denunciar o mal funcionamento dos sinais luminosas LED instalados en senllos pasos de peóns na Avenida da Coruña e nas proximidades do colexio Divino Maestro. “Parece que chegou o apagón tecnolóxico á cidade” ironizou hoxe a portavoz municipal de Lugonovo.

A iniciativa, vinculada á anterior edición dos Orzamentos Participativos, fora implementada en 2015 “no marco dunha operación propagandística de primeiro nivel do Concello ligado ao seu modelo de orzamentos participativos cosméticos”.

“Como se dunha sátira política se tratase, ao boato das inauguracións e a publicidade séguelles o abandono, o desleixo e, en última instancia, a avaría crónica” apuntou a portavoz de Lugonovo. Pérez Herraiz destacou que “se trata dunha instalación que prestaba un servizo necesario, por operar en pasos de peóns sen semáforos, próximos a centros escolares e caracterizados por picos de alta intensidade de tráfico” se ben “precisamente por iso debería ter sido iniciativa de oficio do Concello a súa instalación e maior difusión”.

A edil enfatizou “Atopamos demasiados proxectos mal implementados ou a medio instalar na cidade” lembrou “como é o caso do elevador sen sinalizar á Muralla” e tamén “un exceso de propaganda arredor dun modelo de orzamentos participativos que contempla partidas económicas moi limitadas”.

Neste sentido, a portavoz municipal de Lugonovo reiterou que “hoxe tócanos facer unha crítica dobre: ao modelo propagandístico de Orzamentos Participativos que se ocupa máis da imaxe pública do goberno que da mellora profunda na calidade de vida das persoas que residen en Lugo, e á desidia dun goberno que non se ocupa de arranxar infraestruturas que previamente considerou máis que necesarias para a seguridade de peóns e condutores”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo