Lugonovo e BNG preguntan polos aparcadoiros disuasorios tras rematar o prazo de execución

¿Como avanza a creación dos aparcamentos disuasorios? É a pregunta que se fai Lugonovo despois de comprobar que ningunha das parcelas que ían ser destinadas a este fin se atopa totalmente rematada a pesar de terse cumprido xa o prazo de execución, o pasado 31 de xaneiro.

“O contrato, que se formalizou en agosto de 2018, prevía 5 meses para acometer a intervención. Un tempo que xa expirou e que, á vista dos resultados, non foi suficiente para acabar de acondicionar eses terreos. Queremos saber por qué”, inquire Cristina Pérez Herráiz.

A portavoz da formación sinala que o estado no que se atopan os predios dá a pensar que puido haber algún atranco que obrigou á paralización das obras. “Non hai ningún estacionamento que estea totalmente finalizado. A maioría son, a día de hoxe, unha réplica do leiraparking do Hula. Unha extensión de terra, convertida en lameira polas chuvias. É o caso dos da Rúa do Buxo e Alcalde Manuel Portela. Nestes, coma no de Reverendo Xosé Fernández Núñez tampouco se fixo aínda o rebaixe da beirarrúa para darlles acceso”, refire Pérez Herráiz.

“En Paradai de Arriba a maquinaria fica paralizada – abonda a voceira- e no de Jacinto Calvo Senador a superficie segue a medio explanar. Nada se sabe, asemade, da ubicación do proxectado no estudo técnico ao seu carón, na Rúa Pedro González López”.

A candidata de Lugonovo ás próximas eleccións municipais advirte ademais do perigo que supón a utilización do soar sito en Alcalde Xosé Novo Freire, sen que o recinto estea completamente habilitado. “O aparcadoiro, ao que xa recorren moitos condutores, garda un pronunciado desnivel con relación á parte peonil da calzada e, agora mesmo, non hai nada que, ante un despiste ou un accidente, impida que se precipiten polo terraplén, polo que instamos ao executivo a instalar canto antes un valado, aínda que sexa provisional, que sirva de advertencia e como medida de protección”.

Cristina Pérez adianta que a formación preguntará nas vindeiras Comisións de Pleno polos traballos que quedan pendentes ao tempo que lamenta a actitude do goberno, “máis preocupado por lavar a súa imaxe que por solventar os problemas de mobilidade que afectan ao Concello. Dende logo se definen a si mesmos cando no canto de contestar con feitos, como non poden, o fan con descualificativos ou botando as contas da leiteira, presumindo de dotacións que, coma estas, aínda non entraron en servizo, nin se sabe cando o farán, porque están a medio construír”, conclúe a portavoz.

E neste mesmo senso se dirixía o voceiro do BNG, Rubén Arroxo, ao goberno local esta mañá. Segundo o nacionalista, co contrato asinado en agosto, de  253.000€ e cun prazo de execución de 5 meses, poríanse a disposición
das persoas usuarias un total de 200 prazas de aparcadoiro
.

Rubén Arroxo sinalou que “nos meses pasados fixéronse algúns movementos de terras nos terreos onde estaba prevista e nada máis se fixo”. “O PSOE debería traballar para abrir aparcadoiros disuasorios e dinamizar o centro da cidade” dixo Arroxo e apuntou “é posible que a alcaldesa esté máis pendente dos tempos en clave electoral, pero lembrámoslle que existen uns prazos legais a cumprir” e engadiu “tamén é posible que a falta de planificación ou a falta de rigor impida que algúns destes aparcadoiros cheguen a abrirse”.

Arroxo lembrou “a empresa adxudicataria tiña un prazo de execución que se está incumprindo, non sabemos se por culpa da empresa ou por vontade do goberno municipal”. O BNG preguntará pola paralización desta iniciativa que foi do BNG.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com