Lugonovo pídelle ao Concello que supervise se as compañías eléctricas tributan axeitadamente

Lugonovo solicítalle ao Goberno local que supervise “escrupulosamente” ás grandes compañías eléctricas que operan no termo municipal para verificar se a facturación que recoñecen e pola que pagan a taxa de aproveitamento do solo público se corresponde co volume de negocio real que obteñen do concello.

“Como mínimo, hai 30 anos que o servizo de inspección non exerce ningún control sobre as empresas subministradoras de electricidade. Unha vixilancia sin a cal resulta imposible saber se realmente os ingresos polos que tributan son, en verdade, os que perciben. Falamos de cantidades relativamente importantes para as arcas locais tendo en conta que agora mesmo no mercado hai preto dunha vintena de operadores e que a ordenanza reguladora establece que este tipo de negocios deben aboar o 1’5% dos seus ingresos brutos polo aproveitamento especial que fan da vía”, sinala o voceiro da formación, Santiago Fernández Rocha.

Para os edís da formación trátase dun asunto “crucial”, que non debe agardar para retomarse, atendendo ás dificultades que teñen moitas familias para pagar os recibos e a escasa sensibilidade social que amosan ó respecto as subministradoras.

“Nos últimos meses o Concello viviu en primeira persoa que a elas non lles treme o pulso á hora de cortar a luz. E tanto lles da que se trate dunhas dependencias públicas como dunha familia con fillos que está pasando por necesidades. Por iso, sorpréndenos enormemente a permisividade desta administración. Non nos gustaría pensar que, detrás deste excesivo voto de confianza, existen bolsas de fraude como as que xa se atoparon noutros puntos do país. Un caso próximo é o de Pontevedra onde, a finais de 2013, se detectou que 13 compañías defraudaron, deste xeito, 750.000 euros á institución local”, alerta o voceiro.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com