Lugonovo promove unha iniciativa plenaria para acadar un San Froilán sen agresións sexistas

“Unhas festas seguras sí e libres de agresións sexistas tamén”. Con este obxectivo Lugonovo levará ao vindeiro Pleno unha proposición para que o Concello, en colaboración cos diferentes colectivos sociais da cidade, deseñe e poña en marcha unha campaña de sensibilización encamiñada a evitar, durante as celebracións locais, calquera comportamento humillante ou vexatorio contra a liberdade sexual e a identidade de xénero.

“Non se trata dun fenómeno novo. A violencia sexista pode manifestarse de moitas maneiras e en moitos lugares. Precisamente, as festas, onde está moi presente o consumo de alcohol e doutras substancias, soen ser un escenario recurrente para cometer este tipo de ataques tanto verbais como físicos que resultan ofensivos e intimidatorios para as vítimas”, refire Cristina Pérez Herráiz. A voceira da formación explica que a gravidade dos abusos e violacións rexistradas durante os Sanfermíns de 2016 serviron para desatar as alarmas sobre a súa importancia e a reiteración e impunidade coa que se exercen.

“Foron o revulsivo para que tanto as administracións como o movemento asociativo iniciasen unha loita contra este tipo de condutas, ata o momento, observadas incluso con certa naturalidade. A partir de aí, tanto Pamplona como outras moitas localidades comezaron a traballar especificamente para combatilas”. Unha tarefa á que agora Lugonovo insta ao equipo de goberno.

“A nosa cidade non é allea a esta problemática”, advirte Pérez Herráiz. “Por iso consideramos acaído que o executivo tome conciencia da situación e articule os mecanismos precisos para que os distintos corpos de seguridade teñan acceso á información relativa ás denuncias que se produzan e poidan compartila para coordinarse. Pero igual de relevante nos parece poder facilitar á cidadanía unha boa orientación e atención que permita identificar e atallar calquera actitude ilícita”.

A elaboración de protocolos de vixilancia, a creación de mensaxes ou eslóganes, a elaboración de cartelería, folletos e guías dos recursos dispoñibles, así como a implicación do sector hostaleiro para que colabore na súa difusión son algunhas das ferramentas que suxire empregar Lugonovo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com