Lugonovo propón un paquete turístico para favorecer a estancia de visitantes en Lugo

O Grupo Municipal Lugonovo considera o turismo como un dos sectores clave para o impulso económico da cidade e manifesta que “ante a diminución de turistas na nosa cidade durante a pasada Semana Santa, e a persistencia do problema, case endémico, de que a xente que nos visita segue sen pernoctar, facendo moi curta a súa estancia na cidade” entenden que “compre dar alternativas co fin de cambiar esta situación nun sector que é fundamental para a economía de Lugo”.

Para animar aos e ás turistas a que veñan e pernocten na cidade, Lugonovo quere instar ao Goberno a que, “cos axentes do sector, impulse a alternativa de pór en marcha un “bus turístico”. O paquete turístico consistiría “nun billete único programado para dous días, e que englobaría hotel, comidas e rutas guiadas pola cidade e a súa contorna comarcal”. Esta alternativa permitiría aos e ás visitantes “desfrutar non só do noso patrimonio histórico, natural e gastronómico, senón tamén de lugares tan emblemáticos da nosa contorna como son o Castro de Viladonga, Pena de Rodas, as Ínsuas do Miño, Santa Eulalia de Bóveda, etc”

Para Lugonovo “abrir camiños, impulsar alternativas e dinamizar o sector deben ser unhas das prioridades do Concello, que non pode seguir cos brazos cruzados ante a situación de desidia actual. Se ben hai moitos eidos nos que focalizar a actividade política, o sector do turismo é clave para o impulso de Lugo, e debería ser un dos piares nos que comezar a pór en valor a nosa cidade e a súa contorna, aproveitando ademais as nosas grandes potencialidades culturais, históricas, gastronómicas e naturais”, remataron.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com