" />

Lugonovo quere saber cal é o criterio do reparto do plus de produtividade dos traballadores do Concello

Os concelleiros de Lugonovo agardan que, durante o vindeiro Pleno Municipal, o equipo de goberno explique con claridade cales son os criterios cos que o xefe de cada departamento valora o “especial rendemento e dedicación” investido polos empregados municipais que perciben o plus de produtividade e como se mide a cuantificación que merecen por ese esforzo extra.

A formación considera que a decisión da alcaldesa de facer o reparto, este ano, en base ao salario bruto do traballador pode dar pé a inxustizas porque non sempre o compromiso que cada empregado amosa no desenvolvemento das súas funcións se corresponde ou é proporcionado á retribución da escala laboral á que pertence.

“Entendemos que os xefes de sección – apunta o portavoz Santiago Fernández Rocha – asumen ese reparto antepoñendo a obxectividade pero consideramos que os mecanismos de incentivación deberían ser de todo inequívocos e quedar estipulados ao inicio do exercicio para evitar calquera arbitrariedade”.

A formación sinala que o feito de que aínda non exista unha RPT, acordo ao que se chegou na anterior sesión plenaria, pode provocar a inseguridade xurídica dos traballadores ao recaer na plantilla de persoal a potestade para a fixación das súas funcións. “Hai que abandonar a administración do día a día para pasar a unha xestión que se basee na planificación dos recursos humanos a longo prazo”, destaca o voceiro.

A principal consecuencia é que algúns departamentos estean sobredimensionados e outros, en cambio, infradotados. É o caso de Arquitectura, no que só queda un traballador dos cinco que había ou dos Servizos Eléctricos nos que o cadro de persoal reduciuse a menos da metade. “Froito disto non se poden conformar moitas facturas o que supón xerar retrasos nos pagos e incumprir, incluso, a lei de morosidade”.

É, por tanto, imprescindible que, para ir máis aló da pura xestión dos traballadores, o Concello de Lugo dedique certo esforzo a identificar cales son as súas carencias e cales os perfís profesionais que precisa para resolvelas así como os mecanismos de selección máis apropiados para afrontalas. Por outra banda, o Grupo Municipal advirte que non convocar as prazas baleiras prexudica de gravidade á administración e por iso insta ao equipo de goberno a cubrir todas as vacantes posibles aproveitando que no 2016 a taxa de reposición en toda as categorías será do 50% (agás nas que xa se contempla o 100%).

Os concelleiros de Lugonovo valoran asemade moi negativamente que, esta semana, a Xunta de Persoal fose excluída da mesa negociadora, facendo unha interpretación restritiva da lei; un comportamento que só conduce á mingua da pluralidade.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo