Lugonovo sospeita que o Concello permita a explotación económica dos postes publicitaros a cambio de nada

Lugonovo sospeita que o Concello de Lugo permita a explotación económica dos postes publicitarios ou mupis por parte da empresa Clear Chanel sen que o goberno local reciba nada a cambio.

A agrupación explica que hai un mínimo de 40 postes publicitarios asentados na capital, segundo datos estimados pola axencia Oblicua, a unha media aproximada de 150 euros por cada unha das caras, segundo a información facilitada polo sector local. “O resultado da operación, que ascende aos 12.000 euros, reflicte os beneficios que obtería Clear Channel mensualmente por xestionar, sen contrato, os espazos propagandísticos que existen na cidade”, asegura a agrupación.

Se esta cifra se multiplica polos seis meses que leva caduca a concesión o importe supera os 70.000€, que son, “á baixa”, os cartos que esta adxudicataria se tería embolsado a cambio de nada, e segundo afirma Lugonovo, “co beneplácito do goberno, que, aparentemente, non actuou para impedilo”. O grupo municipal leva meses pedindo explicacións ao respecto ante a ilegalidade que supón.

O voceiro desta agrupación, Santiago Fernández Rocha, denuncia que “a prórroga de tres anos rematou en setembro, 60 días despois, a finais de novembro, todo o mobiliario urbano pasou a ser do Concello, pero a multinacional segue a explotar tódolos anuncios que se colocan nas marquesiñas dos buses e no resto de mupis do termo municipal de xeito gratuíto pero non ten por qué responsabilizarse do mantemento e coidado destas instalacións, senón que, como propiedade da administración, debe ser esta quen os arranxe”.

Fernández Rocha relata a cadena de despropósitos que rodean esta licitación. “Dende febreiro do ano pasado o departamento de contratación reiterou os avisos ao executivo advertíndolle da proximidade da súa finalización, primeiro cunha providencia e logo con frecuentes correos electrónicos. Sen embargo, e a pesar das advertencias dos técnicos, o executivo non fixo nada para evitar unha nova irregularidade”.

Rocha tilda de inaudito que se esgote o prazo e logo o concello consinta o lucro sen esixir ningunha contraprestación.

O portavoz da formación engade o feito de que, dende 2005, se lle “leve dando voltas” á ordenanza da publicidade sen que, a día de hoxe, exista ningún regulamento en vigor. Os edís e a edil de Lugonovo instan ao equipo de Lara Méndez a poñer orde en materia de contratación e a rematar coa sucesión de anomalías que afectan á rendibilidade e á credibilidade da institución.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com