" />

Máis de 600 socialistas avalan a candidatura de José Tomé a Secretario Provincial

José Tomé Roca, Alcalde de Monforte de Lemos e Presidente da Deputación de Lugo, presentou este domingo os avais para formalizar a súa candidatura ás primarias á Secretaría Xeral do PSdeG na provincia de Lugo. A candidatura de José Tomé acadou un importante respaldo no conxunto da provincia, xa que reuniu máis de 600 avais, máis do dobre da cantidade máxima fixada polos estatutos do partido para poder participar neste proceso.

“Quero agradecer ós compañeiros e compañeiras esta mostra de respaldo, que é moi importante en termos cuantitativos, pero tamén dende un punto de vista cualitativo, xa que os avais proceden do conxunto da provincia, de todas as comarcas”, subliñou o Alcalde de Monforte e Presidente provincial.

“Na presentación da candidatura dixen que quero un partido forte, unido e integrador, que garanta o intercambio de ideas e de comunicación entre a militancia. É unha satisfacción comprobar que moitos compañeiros e compañeiras de toda a provincia o entenderan así e decidiran darme o seu aval”, asegurou.

A proclamación oficial das candidaturas terá lugar a vindeira semana, entre o 10 e o 14 de xaneiro, e a campaña de información á militancia desenvolverase entre os días 15 e 29 deste mes. José Tomé explicaralle ós socialistas da provincia dúas cuestións fundamentais, que xa detallou cando anunciou a súa candidatura, e que son: por que se presenta á Secretaría Xeral do Partido Socialista na provincia e para que se presenta, facéndoo dende a proximidade, con diálogo e coa vontade de poñer en común ideas para deseñar medidas concretas que fortalezan a capacidade de acción do partido na provincia.

Na presentación da candidatura, Tomé Roca subliñou que dá o paso coa vontade de poñer ó servizo do PSdeG no conxunto da provincia toda a súa experiencia política, tanto orgánica como institucional, e toda a capacidade de traballo, de organización, de propostas e de dinamismo que está demostrando no Concello e na Deputación, para, como fixo en Monforte, levar á organización ás máximas cotas de apoio electoral e de representación institucional, porque así iralle mellor á provincia de Lugo.

Para elo, propón unha estrutura orgánica, un modelo de funcionamento e un proxecto político que consolide e que mellore os resultados que ten hoxe o Partido Socialista na provincia de Lugo, de cara ás próximas eleccións municipais, e que toda esta forza municipalista sirva de palanca de impulso para contribuír e ser determinantes para lograr o cambio na Xunta de Galicia en 2024 e para manter o Goberno do Estado.

En canto ós obxectivos, como explicou tamén cando presentou a candidatura, José Tomé Roca propón catro liñas de traballo: ensanchar as bases do partido, recuperando a capacidade para ilusionar e atraer a todas as persoas que queiran traballar pola provincia de Lugo; ofrecer asesoramento técnico e político, apoio e formación, ós que poidan acudir os socialistas para facer o seu traballo diario nos concellos, para plantexar mocións, para darlles información ou para axudarlles na súa relación cos medios de comunicación, tanto nas tarefas de goberno, como na oposición; fomentar a participación para que o partido funcione como unha canle de comunicación permanentemente aberta, capaz de escoitar, de dar resposta ás dúbidas e de aportar ideas  para convertelas en propostas que sexan de utilidade para o conxunto; e máis coordinación e difusión das mensaxes para darlles maior repercusión e que cheguen a máis xente.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo