Malestar entre empresarios e grupos políticos polo bloqueo dos tractores na Ronda

A tractorada podería ter os días contados. Cada vez son máis os grupos políticos e entidades que piden a saída dos tractores de Agromuralla da Ronda polos prexuízos que está causando ao comercio e a hostalería da zona centro ao entorpecer e ralentizar a circulación. Se ben ao principio as queixas eran máis comedidas e se limitaban a lamentar os efectos que a súa presenza estaban a provocar, nos últimos días, e xa a punto de cumprirse un mes da ocupación da Ronda, os empresarios e comerciantes están reclamando aos gandeiros que collan os seus vehículos e abandonen o centro de Lugo.

A Federación de Comercio de Lugo, a Asociación Provincial de Empresarios da Hostalaría de Lugo ou Lugo Monumental xa teñen reclamado en máis dunha ocasión o cese do bloqueo da Ronda. Pero agora a CEL pon prazos e un ultimatum de 48 horas para que os gandeiros decidan que van facer cos tractores e cando os van retirar. En caso de que Agromuralla non responda, a patronal lucense acudirá á Subdelegación do Goberno e ao Concello para analizar os permisos dos que dispón a asociación.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, tamén opinou hoxe sobre a situación, asegurando entender que “eles están defendendo o seu pan” pero matizando que “a defensa do pan de cada quen ten que facerse empatizando con outros colectivos”. Deste xeito a rexedora avanzou que dende o Concello lle van trasladar á Subdelegación “as queixas que estamos recibindo por parte de diferentes colectivos como a hostalería o comercio, ou colectivos con discapacidade”.

O comercio “contra as cordas”

Os grupos da oposición tamén apostaron por facer compatibles as protestas dos gandeiros cos dereitos coas necesidades doutros colectivos. Dende Lugonovo eran hoxe moi contundentes, denunciando que a tractorada “está poñendo contra as cordas ao comercio local”, “que está a pagar os pratos rotos”. O seu voceiro, Santiago Fernández Rocha asegurou que “todos defendemos inequivocamente as súas reivindicacións porque somos conscientes do inquietante futuro que teñen os gandeiros galegos”, pero tamén lembra que “o pequeno establecemento de Lugo non ten a culpa”.

Así, Fernández Rocha dixo estar sorprendido de que os gandeiros non leven as súas protestas “ás portas da Xunta, dos distribuidores ou das grandes cadeas comerciais, os verdadeiros causantes do abuso ao que están sendo sometidos”.“É ao goberno autonómico ao que teñen que responsabilizar de non ter actuado durante décadas, porque foi a súa pasividade a que sumiu ás explotacións na máis absoluta ruína”, matizou.

Pola súa banda, dende o PP de Lugo Antonio Ameijide aseguraba que “é necesario conciliar o lexítimo dereito ás manifestacións, e defender os intereses dos gandeiros, cos lexítimos dereitos dos comerciantes a levar adiante a súa campaña, quizais a máis importante en canto a vendas do ano, e tamén é lexítimo que os lucenses teñamos unha mínima mobilidade”. Desta forma, “é necesario que dende o goberno local traballen para conciliar estes tres intereses”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com