Manuel Varela encabezará a agrupación de Cs en Outeiro de Rei

Cidadáns continúa coa súa implantación na provincia de Lugo, e faino abrindo unha nova agrupación en Outeiro de Rei. A presentación do grupo local será o vindeiro martes, día 30, no restaurante González (San Martiño de Guillar) nun acto público aberto ao que están convidadas todas aquelas persoas que simpaticen coas ideas de renovación que representa Cidadáns.

A agrupación de Outeiro de Rei estará coordinada por Manuel Varela Trigo, á fronte dun equipo no que figuran tamén Jesús Teijeiro Iglesias, como responsable de redes sociais e Paula Varela Núñez, responsable de cidadanía. 

O novo coordinador de Cidadáns en Outeiro de Rei ten unha ampla traxectoria no mundo empresarial, no que comezou traballando na empresa do seu pai, Transportes Ochoa. Despois foi delegado na provincia de Lugo dunha entidade bancaria e na actualidade leva 17 anos traballando no sector farmacéutico. O seu perfil encaixa con moitas das novas incorporacións que está a facer Cidadáns, ao ser unha persoa cunha ampla experiencia laboral á marxe da política.

Manuel Varela explica que decidiu hai varios meses sumarse ao proxecto de Cidadáns “para mellorar as condicións de vida dos veciños de Outeiro de Rei”. Leva xa varias semanas visitando as distintas parroquias do Concello preocupándose polas demandas veciñais e facer así unha “política próxima e en positivo”.

No acto de presentación deste martes en Outeiro de Rei estarán presentes Olga Louzao, portavoz da formación no Concello de Lugo, e Laureano Bermejo, secretario de organización de CsGalicia.

Cidadáns conta neste momento con agrupacións na cidade de Lugo e na A Mariña e antes do verán puxo a andar un grupo local en Sarria. Á constitución do grupo de Outeiro de Rei seguiranlle outros. Por exemplo, está cada vez máis preto a constitución do grupo local de Monforte.  

Un dos obxectivos da formación é aumentar a súa representación na contorna da cidade de Lugo, onde Cidadáns conta xa con dous concelleiros no Concello. A apertura de novas agrupacións ten como obxectivo poder achegar o partido que preside Albert Rivera aos veciños das diferentes localidades da provincia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com