María Julio inaugura exposición en Caldiae Factoría Cultural

O vindeiro mércores, día 11, ás 20:30, inaugurarase a exposición da artista María Julio en Caldiae Factoría Cultural, como parte da Programación Cultural Anual dedicada a mulleres artistas impulsada por Lugonovo e Caldiae Factoría Cultural.

María Julio é unha artista nacida en 1938 en Alloza, Teruel. O seu pai era lucense; cando tiña dous anos a familia trasladouse a Barcelona, e cando cumpriu catorce regresaron a Lugo, onde María quedaría a vivir.

Tras dedicarse durante moitos anos ás tarefas do fogar e ó coidado da súa familia, como moitas mulleres da súa xeración, comezou a súa actividade artística en 1991, participando pouco despois na súa primeira exposición colectiva na sala de arte do Banco Galego en Lugo. Realizou a súa aprendizaxe da man de varios mestres, que lle impartiron clases en aulas de asociacións culturais, centros sociais e academias; entre eles Marina Prado, Ana Lombraña e Juan Miguel Prada, cos que traballou diversas técnicas pictóricas e artesanais coma a pintura ao óleo, a pintura sobre tela, madeira ou escaiola, ou a restauración de mobles.

Ao longo destes anos expuxo o seu traballo xunto con outras artistas en varias mostras colectivas en diversos espazos e salas de arte lucenses.

Nesta exposición en Caldiae Factoría cultural poderemos ver unha selección das súas obras, na súa maioría pinturas de natureza e paisaxe galegas. Segundo a coordinadora da Programación Cultural, Camino Casabella, “Con esta programación queremos espertar conciencia sobre o problema da discriminación de xénero da arte, algo que podemos combater eficientemente ofrecéndolles ás artistas una abundancia de ocasións para expoñer o seu traballo. Por iso é esencial que pola nosa parte nos aseguremos de que todas as artistas teñan acceso a estas oportunidades vitais para elas.”

“Este é o segundo ano que organizamos esta programación. O mellor do traballo foi coñecer e reunir a un novo grupo moi diverso de artistas que se incorporaron á programación de 2020. Calquera que sexa o seu nivel de experiencia é un pracer coordinar exposicións con todas elas”.

A exposición poderase visitar dende o 11 ao 29 de marzo, de mércores a domingo, de 18:00 a 22:00 horas.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com