" />

Mariña Patrimonio solicita a inclusión no catálogo de dúas novas mámoas descubertas en Xove

A Asociación Mariña Patrimonio vén de solicitar á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a catalogación e protección de dúas novas mámoas descubertas na parroquia da Rigueira, no Concello de Xove .

Grazas á información facilitada por un profesor da zona, Mariña Patrimonio puido localizar no lugar de Corveira unha das mámoas máis monumentais da Mariña, que conta cuns 20m de diámetro e uns 2m de alto.

A plantación de eucaliptos, que se realizou recentemente sobre este monumento megalitico, deixou á vista parte da coraza pétrea que cobre a mámoa. Os citados labores forestais afectaron especialmente a parte superior da mámoa onde, a pesar de todo, se aprecia claramente o cono de violación.Esta mámoa atópase nas proximidades da coñecida e excepcional mámoa de Guilan, descuberta por Mariña Patrimonio no ano 2017.

A Asociación tamén descubriu no lugar de Labradela o túmulo de Modia de Lamoso. Esta mámoa ten uns 14m de diámetro, apréciase o cono de violación e restos da coraza. Como acontece co túmulo de Corveira, este monumento está tamén afectado por unha plantación de eucaliptos.

Debido a que “nos últimos tres anos a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural non atende as solicitudes presentadas por Mariña Patrimonio, son moitos os bens patrimoniais que quedan fóra do Catálogo e, polo tanto, desprotexidos”. Por este motivo, a asociación achegou ao Concello de Xove outra solicitude para que inste á DXPC a catalogar e protexer estes dous novos monumentos megalíticos aparecidos no seu concello.

A mámoa de Guilán descuberta por Mariña Patrimonio en 2017, figura no Catálogo de Bens Patrimoniais grazas, segundo Mariña Patrimonio, a que nese momento a asociación decidiu presentar a solicitude a través doutra persoa.

Porén, “outros seis bens patrimoniais descubertos no mesmo ano e cuxas solicitudes asinou Mariña Patrimonio non figuran en dito catálogo”. Por iso, a asociación “espera que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural remate co seu pueril boicot contra a citada asociación e cumpra coa súa obriga de catalogar e protexer o patrimonio”.

Foto: Mámoa da Corveira

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo