Medio Ambiente axudará á humanización e mellora de espazos do Concello de Quiroga

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará co concello lucense de Quiroga co fin de acometer unha serie de obras de mellora e humanización en varias prazas e espazos públicos deste municipio. Así o acordaron a conselleira Ángeles Vázquez e mais o alcalde Julio Álvarez coa sinatura dun acordo de cooperación en virtude do cal a Xunta se compromete a asumir o 70% do custo das actuacións e o concello achegará o 30% restante. Concretamente, a Consellería aportará 53.170,97 euros na anualidade de 2020 e o municipio outros 22.787,56 euros.

A Xunta de Galicia é consciente da importancia que ten para os concellos a materialización de determinados proxectos urbanísticos, coma este de Quiroga, para mellorar a calidade de vida e dinamizar determinadas zonas. Neste sentido, os equipamentos urbanos desempeñan un papel fundamental como elemento dinamizador para o desenvolvemento social e cultural da sociedade e son, ademais, elementos estruturais da contorna urbana.

No caso de Quiroga as obras previstas –cun custo estimado de case 76.000 euros- inclúen varias intervencións en prazas e zonas verdes do municipio. Concretamente, acometerase a humanización das prazas de San Martiño e na da rúa Lago co fin de crear cadanseu espazo público; no parque da Igrexa melloraranse as condicións de seguridade e salubridade da zona de xogo infantil; na área verde localizada entre os edificios municipais da Casa da Cultura e do Centro Social, mellorarase o vello estanque, actualmente sen uso e non apto para a súa utilización, co fin de reconvertelo nun espazo verde de lecer de uso público, e na praza de España actuarase sobre o equipamento e o revestimento.

Con este tipo de intervencións, como lle trasladou a conselleira ao rexedor, dáse cumprimento ao reto do Goberno galego de acadar un urbanismo responsable e apostar pola recuperación das vilas e cidades galegas, como parte da identidade de Galicia. Nesta liña, subliñou que a Xunta é consciente da importancia de establecer lazos de colaboración cos municipios en proxectos que, coma este, buscan mellorar e potenciar espazos públicos xa existentes para facilitar a accesibilidade aos mesmos e poñer en valor certas zonas.

Ademais, lembrou que este tipo de colaboracións para poder intervir sobre equipamentos urbanos tamén son un instrumento eficaz para axudar a frear o despoboamento do rural, xa que potencian as infraestruturas, os servizos e os equipamentos municipais e, en definitiva, melloran o benestar e a calidade de vida da poboación das vilas e cidades galegas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com