Medio Ambiente impulsa o tratamento dos biorresiduos con dous proxectos de recollida selectiva de materia orgánica

O Concello de Lugo, a través da área de Medio Ambiente, dará un impulso ao tratamento dos biorresiduos coa posta en marcha de dous proxectos, un para implantar a recollida separada dos restos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico e, outro, para fomentar a súa separación e reciclaxe en orixe mediante a compostaxe doméstica e comunitaria.

A Administración local autorizaba hoxe, en Xunta de Goberno, concorrer ás dúas liñas que, a este respecto, recolle a convocatoria de achegas autonómicas habilitadas ao abeiro dos Fondos de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea. O edil explicou que o investimento nestas actuacións alcanzará os 311.400 euros, sendo sufragado polo Concello o 10% dos custos.

Así, Fernández avanzou que, entre as actuacións que se contemplan levar a cabo a través desta subvención figura a adquisición de colectores para a recollida separada de biorresiduos na vía pública, así como de caldeiros e composteiros comunitarios e domésticos, tanto para uso individual ou familiar como destinados aos considerados grandes xeradores, entendéndose como tales os restaurantes, maioristas, comedores, servizos de restauración colectiva e establecementos de consumo polo miúdo.

Igualmente o Concello se abastecerá de sacas reutilizables, biotrituradoras e outros aparellos destinados a controlar o proceso de compostaxe como termómetros, aireadores e tamizadoras e mesmo camións específicos para a retirada e traslado deste tipo de refugallos, ao tempo que desenvolverá campañas informativas e de sensibilización entre a poboación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com