Medio Ambiente invita aos concellos a incrementar as taxas de reciclaxe

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, invitou aos concellos da provincia a fomentar boas prácticas medioambientais que axuden a incrementar as taxas de reciclaxe.

O delegado e a subdirectora xeral de Residuos, Verónica Tellado, participaron hoxe nunha xornada técnica convocada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e Ecoembes (Ecoembalajes España) para explicar de primeira man as novas ferramentas coas que os concellos poden aumentar a calidade da recollida selectiva que se realiza a través dos contedores amarelos.

Tal e como se lles explicou na reunión aos concelleiros de Medio Ambiente e ao persoal técnico convocado, unha maior calidade da recollida pode supoñer de xeito inmediato un incremento importante das cantidades que os concellos reciben, ademais de contribuír á mellorar dos niveis de reciclaxe en Galicia.

Este encontro brindou a posibilidade de presentar aos concellos da provincia de Lugo as principais novidades do convenio marco entre a Xunta de Galicia e Ecoembes que estará en vixencia ata o vindeiro ano 2021.

Entre as principais melloras introducidas destaca o establecemento de pluses por boa xestión para aqueles concellos adheridos a Ecoembes que impulsen medidas a prol da reciclaxe e a recuperación de envases. O cálculo da variación dos prezos de combustible mensualízanse e tamén se definen melloras técnicas e dos procedementos de recollida, coa finalidade de incentivar a participación dos usuarios e que redunden nun incremento da aportación e da recollida de envases.

Esta previsión é posible grazas ao cálculo de ingresos estimados para os próximos 5 anos, que ascenderán a 102 millóns de euros. Tendo en conta os datos económicos do convenio anterior –e mantendo as mesmas condicións para o actual período de vixencia- estímase que co novo convenio os ingresos incrementaríanse en máis de 400.000 euros/ano, é dicir, 2 millóns de euros máis respecto do anterior.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com