Medio Ambiente propón crear un plan de conservación de O Avó de Chavín

A Xunta está a traballar no que será o primeiro plan de conservación do monumento natural do Souto da Retorta, coñecido por albergar o emblemático eucalipto O Avó de Chavín. Así o avanzou esta mañá en Viveiro a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no transcurso da presentación oficial do selo que Correos acaba de emitir en homenaxe a esta árbore.

O obxectivo da Xunta, segundo explicou a conselleira, será avanzar ao longo do próximo ano na elaboración do plan de conservación, co que se buscará protexer e conservar o Souto da Retorta, un conxunto de gran beleza e un dos 8 monumentos naturais que existen en Galicia.

O elemento principal e máis coñecido deste espazo é un enorme eucalipto chamado O Avó de Chavín. Trátase dun exemplar moi singular, segundo remarcou a conselleira, tanto polo seu tamaño, que o converte nun dos eucaliptos máis altos de Europa; como pola súa antigüidade, que se calcula entre os 106 e os 138 anos; ou a súa peculiar morfoloxía, cunha base con forma de pata de elefante.

Todas estas particularidades valéronlle ao Avó de Chavín para ser recoñecido como un dos 150 exemplares que forman parte do Catálogo galego de Árbores Senlleiras, un rexistro público dependente da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e no cal se inclúen todas aquelas árbores e formacións merecedoras dunha protección especial en atención ás súas características excepcionais. O Avó tamén recibiu en 2010 o premio Árbore do Ano que outorga a ONG Bosques sen Fronteiras e a Fundación Biodiversidade. 

Debido a estes e a outros recoñecementos, o eucalipto de Chavín é na actualidade a árbore máis famosa de Galicia na súa especie, unha fama que Ángeles Vázquez cre que se multiplicará grazas ao selo que Correos lle acaba de dedicar dentro da súa serie Flora, coa que xa homenaxeara no seu día a exemplares históricos como, por exemplo, a Árbore de Gernika.

Cunha tirada de 960.000 exemplares distribuídos nun prego con seis unidades cada un, o selo está deseñado con forma de folla de eucalipto e leva impregnado o singular aroma destas árbores.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo