Medio Ambiente retira do Carqueixo 2.500 quilos de lixo amoreados na contorna

Persoal do servizo municipal de limpeza acudiu ao Carqueixo para retirar 2.540 kilos de lixo como pneumáticos, entullo, mobles ou persianas entre outros enseres abadonados na contorna recentemente e de forma ilegal. Esta é xa a novena vez, nos últimos meses, que a área de Medio Ambiente envía un operativo similar ao poboado para proceder á eliminación de refugallos que, no seu conxunto, alcanzan as 70 toneladas.

O edil Álvaro Santos sinala que “cada un destas xornadas, Urbaser manda un camión de caixa aberta con pluma e un tractor, ademais dun condutor, un peón e un maquinista para poder separar a gran cantidade de residuos que se arroxan á zona, fundamentalmente material procedente da construción pero, nesta ocasión, tamén colchóns, sofás e mesmo unha lavadora”.

O concelleiro indicou que, segundo os informes trasladados, a empresa concesionaria, alén de realizar outras recollidas puntuais e periódicas, non só limpou este vertedoiro senón tamén outros situados nos arredores do poboado, no Monte de Santa María de Bóveda e mesmo algún predio afectado.

“O Concello de Lugo actúa á maior brevidade posible cada vez que temos coñecemento de que se están a orixinar estas acumulacións incontroladas, polo que instamos á veciñanza a que, se ten coñecemento delas, nolo faga chegar ben a través do 010, ben mediante a aplicación Liña Verde, para poder atallalas”, solicitou o responsable de Medio Ambiente.

“E – matizou – tendo en conta, ademais, os obxectos que se depositan, todo indica que obedecen a descargas de tipo industrial, que se suceden de maneira periódica e indiscriminada, para desfacerse deles evitando o custo que esta operación lles carrexaría se os deixaran nos puntos habilitados para a súa recollida. Polo que queremos facer un dobre chamamento por unha banda ao civismo pero, pola outra, tamén á colaboración cidadá para que, cando detecten algún movemento na zona nos avisen e poder enviar inmediatamente á Policía Local a sancionar aos infractores”, concluíu Santos Ramos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com