" />

Medio Rural fomenta a comercialización e desenvolvemento de diversos produtos agrícolas

A Consellería do Medio Rural fomenta a diversificación do sector agroalimentario galego con axudas dirixidas a apoiar investimentos en materia de transformación, comercialización e desenvolvemento de distintos produtos agrícolas.

Un exemplo destes apoios é o da empresa Lemos y Taboada, en Sarria, que desenvolve a súa actividade na comercialización de castañas, un froito típico e característico da montaña lucense, na que existen importantes extensións de soutos.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou as instalacións desta compañía que recibiu unha achega autonómica, ao abeiro desta orde de axudas, por valor de 372.000 euros.

As actuacións subvencionables consistiron na compra e urbanización dun terreo de 7.119 metros cadrados no acceso ao polígono industrial de Morelle, construción dunha superficie cuberta e adquisición de diversa maquinaria e equipamento. O investimento global apoiado superou os 941.000 euros.

Entre o novo equipamento adquirido atópase maquinaria precisa para o preparado comercial da castaña: distintas liñas de calibración, esterilización, escollido e secado, así como sistemas para pesar o produto e envasalo, equipos informáticos e distinto material de transporte.

O delegado territorial lembrou que Lugo é a provincia galega que máis se beneficia das axudas que, cada ano, a Xunta convoca en apoio das empresas de transformación e comercialización de produtos agrarios, o que dá mostra da fortaleza e do peso específico do sector agroalimentario na provincia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo