Medra a polémica en torno á colocación no concello da pancarta de ‘Lugo… non perdas o tren’

Medra a polémica trala colocación na fachada do concello da pancarta da plataforma ‘Lugo… non perdas o tren’. Nas últimas horas tanto o BNG como o PP expresaron as súas críticas a esta decisión. Por unha banda, os nacionalistas pedían que se lles permita tamén a outros colectivos e plataformas usar o balcón do concello para pendurar pancartas coas súas reivindicacións, co fin de reclamar causas xustas que beneficien á cidade de Lugo.

Hoxe tamén o voceiro do PP de Lugo, Jaime Castileira criticaba que a alcaldesa Lara Méndez está a converter a fachada do concello nun “taboleiro de anuncios” e denuncia que a instalación da pancarta se realice en plena campaña electoral. Deste xeito, Castiñeira anunciaba que solicitará “unha tras outra” a colocación de pancartas reivindicando o cumprimento das máis de trinta mocións plenarias aprobadas a instancias do PP e que continúan pendentes”.

Pola súa banda, a alcaldesa Lara Méndez achacaba esta polémica ao contexto electoral e salienta que “non é a primeira vez” que se lle permite a un colectivo instalar unha pancarta na fachada do concello. Lara Méndez abría a porta a que outros colectivos expresen tamén as súas reivindicacións deste xeito. “Calquera movemento veciñal, calquera iniciativa que teña respaldo social, nós como ventá da cidadanía estamos dispostos a seguir nesa liña, como xa fixemos dende que entramos no Goberno”, aclarou a rexedora.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com