" />

Menú de Nadal 100% galego nos colexios de Riotorto e O Páramo

A Consellería do Medio Rural achegou produtos agroalimentarios galegos aos colexios de Riotorto e O Páramo para elaborar os seus menús de Nadal, unha iniciativa que se enmarca na rede Mercaproximidade e se leva a cabo estes días en oito centros da comunidade.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, desprazouse hoxe ata o Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Plurilingüe de Riotorto, onde os 34 alumnos e alumnas que utilizan o servizo do comedor puideron degustar hoxe un menú a base de fabas, tenreira, patacas, queixos, iogures e mel. Na xornada de onte o CEIP Plurilingüe do Páramo ofreceu aos 50 alumnos e alumnas do comedor un menú similar, neste caso con carne de cordeiro.

Todos os produtos destacan pola súa calidade, ao acollerse a distintivos como as indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega, Mel de Galicia e Faba de Lourenzá ou a denominación de orixe protexida Queixo Tetilla.

Estas xornadas están promovidas en colaboración cos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) e perseguen un dobre obxectivo; por unha banda, apoiar aos pequenos e medianos produtores galegos, e por outra, promover unha alimentación infantil saudable.

Os propios centros elixiron os produtos alimentarios de entre a oferta de Mercaproximidade, a canle alternativa de comercialización habilitada pola Xunta ao inicio da emerxencia sanitaria para garantir que as producións do sector primario galego atopaban saída nas principais cadeas de distribución.

En total, a Xunta repartiu nos centros escolares máis de 600 quilos de produtos agroalimentarios destinados a preto de 1.650 rapaces e rapazas. En concreto, distribuíu 348 kg de patacas, 81 kg de fabas, 85 kg de carne de tenreira, 600 hamburguesas e 93 quilos de carne de porco celta e 40 kg de carne de cordeiro. Tamén 1.210 iogures, 52 queixos e unha decena de quilos de mel.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo