Mónica Gutiérrez primeira muller Inspectora Xefa da Comisaría de Monforte

Mónica Gutiérrez González, que ven de ser nomeada Inspectora Xefa da Comisaría de Monforte de Lemos é a primeira muller en acceder ao cargo de xeito oficial nesta comisaría, xa que antes da nova inspectora estivera de xeito interino a comisaria Amparo Belmonte. Ao acto de toma de posesión asistiu a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, quen deu a benvida á nova inspectora e pediulle “o máximo compromiso na protección da cidadanía en tempos nos que as forzas de seguridade demostran cada día a súa vocación de servizo á sociedade”.

A subdelegada recordou que as forzas de seguridade levan meses realizando un esforzo extraordinario para garantir o cumprimento das medidas sanitarias contra a pandemia do COVID-19 ao tempo que seguen a velar pola seguridade cidadá. Na súa visita á subdelegada, Mónica Gutiérrez estivo acompañada polo comisario xefe provincial, José María Esteban.

Isabel Rodríguez felicitouse pola chegada á Comisaría local de Monforte de Lemos da nova inspectora xefa e expresou a súa satisfacción porque “sen dúbida, os veciños da cidade do Cabe vanse beneficiar dos coñecementos e da extraordinaria bagaxe profesional da nova inspectora xefa”, á que desexou os maiores éxitos a fronte da Comisaría monfortina.

 IMPORTANTE TRAXECTORA PROFESIONAL

A nova inspectora xefe de Monforte é natural de Santander. Ingresou no Corpo Nacional de Policía no ano 2002. É licenciada en Ciencias Políticas e Socioloxía e ascendeu a inspectora xefa en 2018. Antes de asumir a xefatura da Comisaría de Monforte de Lemos estaba destinada, desde 2015, na División de Formación e Perfeccionamento do Centro de Altos Estudios Policiais. Ademais, durante sete anos, traballou na Oficina Central de INTERPOL, na sección de Cooperación Xurídica Internacional. Con anterioridade, formou parte da Brigada de Investigación Tecnolóxica da Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta, na Comisaría Xeral de Policía Xudicial, e previamente estivera destinada na Xefatura Superior de Policía de Cataluña.

No seu historial profesional figura a participación en importantes servizos sobre a desarticulación de grupos criminais de carácter internacional dedicados ás falsificacións de tarxetas, tráfico ilícito de vehículos, roubos, etc polo que ten recibido 49 felicitacións públicas e 2 Cruces ao Mérito Policial con distintivo branco.

Ademais, recibiu o agradecemento da INTERPOL durante a operación Infra-Américas 2013 e prestou servizos no Proxecto Ameripol no mesmo ano. Tamén é autora de artigos sobre o Código Ético da Policía Nacional e Pensamento estratéxico na Policía Nacional, publicados nas revistas “Policía” e “Ciencia Policial”, respectivamente.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com