" />

Monterroso perde unha subvención de 40.000 euros para construir a terceira pista de pádel

Os socialistas de Monterroso veñen de denunciar que a alcaldesa da localidade “volveu unha vez máis a tratar de enganar aos veciños de Monterroso”, tralo anuncio feito en días pasados de que as obras da terceira pista de padel foron financiadas pola Consellería de de Infraestruturas e Mobilidade que tiveron un custe de 77.000 euros.

“Lonxe da realidade expresada pola Alcaldía a verdade desta cuestión é que o Concello perdeu unha subvención da Dirección Xeral da Administración Local por un importe de 40.000 € que o organismo autonómico concedeu ao Concello de Monterroso”, explican nunha nota os socialistas.

A “mala xestión” do equipo de Goberno foi o que motivou a perda desta axuda “e que agora temos que pagar do peto de tódolos veciños de Monterroso por mor de non xustificar en prazo as obras” que eran obxecto da subvención.

Segundo explican os socialistas, o 31 de maio de 2021 a alcadía recibe unha comunicación da Dirección Xeral da Administración Local, notificándolle a resolución da concesión de subvención para instalación dunha pista de padel cuberta por un importe de 40.000 €. Na mesma resolución tamén se facía a advertencia de que as obras deberían de estar executadas e xustificadas a 31 de outubro de 2021.

Tras isto, o 14 de setembro o concello anuncia a licitación da obra para o 25 de outubro anunciar a súa adxudicación despois de dúas reunións da mesa de contratación.

Por último, o 27 de outubro de 2021, o Diario Oficial de Galicia recolle unha prórroga para a xustificación destas obras ata o 15 de novembro de 2021.

Fóra xa dos prazos establecidos pola Xunta para a obtención desta axuda, o pasado sábado,  12 de marzo, a alcaldía anunciou diante dos medios que a obra fora obxecto dunha subvención; un feito que os socialistas desminten “non sendo certa tal afirmación tal e como demostramos”.

Aseguran, ademáis, que “foi tal a desidia” deste procedemento que “dende que o Concello recibiu a notificación da subvención a 31 de maio, dende o equipo de goberno non se fixo nada ata mediados de setembro que se sacou a licitación da obra, adxudicando a mesma o 25 de outubro, tendo a empresa adxudicataria un prazo de 23 días para a execución das obras, contando xa coa prorroga concedida por Vicepresidencia Primeira. Unha verdadeira temeridade para as arcas municipais, sabendo que era imposible cumprir cos prazos establecidos”.

“Monterroso e os seus veciños non se merecen unha Alcaldesa que lles minta novamente, cuestión que xa ten por hábito a Alcaldía e que unha vez máis queda retratada polas súas propias palabras. De feito xa non nos sorprende este comportamento da Alcaldesa, xa que cando minte en sede xudicial tal como quedou demostrado nunha sentenza xudicial por o despido dun traballador municipal con menos pudor o fai cos veciños de Monterroso”.

Dende o Grupo Socialista, esixen á Alcaldía e ao seu equipo de goberno máis dilixencia na xestión dos recursos públicos e que ademáis teñen a obriga de facelo en defensa dos intereses do Concello, que para eso están e non só para ingresar as súas abultadas nóminas a finais de mes.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo