O Concello abre este mércores, 1 de xuño, o prazo de inscrición do programa Aprende Xogando para as vacacións de verán, correspondente ás tardes dos meses de xullo, agosto e setembro e ás mañás da última semana de xuño, meses de xullo e agosto e primeira de setembro. Neste trimestre, a diferencia dos anteriores, admítese a solicitude por meses independentes, en lugar do trimestre completo, co fin de adaptarse ás vacacións estivais dos pais e das nais. Tanto as bases como a instancia para realizar a inscrición poden descargarse a través da páxina do Concello de Lugo: http://concellodelugo.gal/gl/
As inscricións realizaranse de xeito telemático polos/as proxenitores/as dos/das menores, no e-mail aprendexogando@lugo.gal
O Aprende Xogando está dirixido a 120 nenas e nenos empadroadas/os no Concello de Lugo cunha idade comprendida entre os 3 e os 12 anos. As actividades levaranse a cabo en horario de mañá, de 09:00 a 14:00 horas e, en quenda de tarde, das 16:00 ás 20:30 horas, nos centros de convivencia Maruja Mallo, Milagrosa (con 30 prazas en cada un) e Uxío Novoneyra (20 prazas) e na Casa da Música (40 prazas) alén de reservarse cinco prazas máis para posibles urxencias por circunstancias especiais ou de emerxencia social.