Muller, e ti, por que folgas?

Eu folgo para non ter que mirar atrás con medo cando volvo á casa. Eu folgo para que miña mai, cando me leva a casa cada noite despois do traballo, non teña que esperar no coche a ver se entro sana e salva no portal. Para que as miñas amigas, non me volvan a dicir: “avísame cando chegues”.

Eu folgo para que non haxa máis “mulleres que morren en mans dos seus homes”, cando a realidade e que os homes as matan. Para que levar unha falda, sexa do largo que sexa, non dea permiso a ninguén para facerme sentir menos muller. Eu folgo para poder poñer escotes, tacóns e maquillaxe ao meu antollo, sen que ninguén asuma, por elo, dereitos que non ten.

Eu folgo para que as mulleres poidan ser pilotos, futbolistas, motoristas, loitadoras… Para que, se unha muller quere xogar ao tenis en pantalóns, non lle obriguen a facelo doutra forma. Folgo para que os equipos deportivos pulen polas mulleres, para que os patrocinadores invistan nelas, para que os medios de comunicación lle den a cobertura que se merecen.

Eu folgo para que, cando vaia co meu mozo a tomar una cervexa, se non pedimos o mesmo, me poñan a min o que pedin eu; especialmente se é café solo, cervexa ou vermú. Para que as discotecas non saian gratis só a un dos xéneros para vendelo como carne. Para poder tomar café soa nun bar sen ter “voluntarios” que queran tomalo comigo.

Eu folgo para que a miña filla, mañá, poda ter as mesmas oportunidades que os seus compañeiros de traballo. Para que non teña que elixir un mandilón rosa se non lle gusta. Para que poda apuntarse ás extraescolares que lle dea a gana sen importar de que especialidade/deporte se trate.

Eu folgo por todo esto e por moito máis. Para que mañá, ás mulleres que veñen detrás de nós, non lles faga falta folgar. E ti, muller, por que folgas?

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com