Muller, tenta saír da violencia de xénero, pero polas mañás

Hai cousas que non deixan de rechiarme, ou, para ser honesta, debería dicir de cabrearme, e moito, ademais, especialmente cando teñen que ver coa violencia de xénero, e máxime en datas coma as que estamos a vivir, nas que, co gallo do 25 N, semella que todo o mundo está mais que concienciado coa loita contra a violencia machista.

Tanto é así que, de feito, ante o “enorme calibre” desa concienciación, xa comezo a dubidar de se hai alguén que non se dedique a traballar neste eido, tal é o afán que lle está a poñer a maioría….ata o Martes 26, claro, ou, como moito, ata finais de mes, porque sempre cabe a posibilidade de que algún acto deses con mensaxe non fora posible incluilo nas datas mais relevantes nunhas axendas tan ateigadas de acontecementos que xa non tiñan nin un so oco libre.

O mais curioso é que, malia eses “ataques” de implicación, hai aspectos da problemática das mulleres que tentan sair da violencia de xénero que, malia ser obvios, semella que ninguén se decata da súa existencia, ou ben consideran preferible ignoralos.

É ese é o caso dun que eu considero elemental.

Se algo se lles repite ata a saciedade as mulleres que están a vivir o inferno dos malos tratos, é que tenten sair del, que teñen recursos, axudas, etc, etc, etc.

Que se decidan a facelo supón un arduo esforzo para elas, xa que é tal a súa vulnerabilidade, a  súa debilidade psicolóxica, que a tarefa mais sinxela para calquera outra persoa, se lles antoxa todo un mundo cheo de atrancos insalvables.

Hai que ter en conta, ademais, que se en algo teñen especial habilidade os maltratadores é en  illar as súas parellas, polo que, cando deciden tentar retomar a súa vida, atópanse totalmente desorientadas, e descoñecen a maioría dos pasos a seguir.

Se, malia eso, tomán a decisión de seguir adiante, o primeiro deses atrancos aparece en canto comezan a dar os primeiro pasos hacia a súa liberdade, unhos pasos que, ante o panorama que se atopan, poden ser os derradeiros.

Cando acuden a pedir asesoramento, son informadas dos recursos aos que poden optar, e se lles indican os trámites que deben levar a cabo para conseguilos, e aquí comeza, moitas veces, o final da súa aventura hacia a liberdade.

Obviamente, para tentar acceder a eles, necesitan realizar unha serie de trámites, de xestións, que non son, ademais, poucos, e o panorama co que se atopa é o seguinte.

Non hai ningún deses trámites que poidan facer polas tardes.

Desde acudir a entrevistarse co traballador social que lles corresponde, pasando por tentar inscribirse como demandante de emprego, ata matricularse nun curso ou empadronarse para acceder a unha vivenda, por mencionar tan so algúns exemplos, ademais de recopilar a pertinente documentación que lles requiren, son xestións que soamente poden facer polas mañás.

A partir de, como moito, as dúas da tarde, rematou o tempo. Pechado ata mañá!

Institucións, organismos….todos cantos dín estar para axudalas, deciden que polas tardes a implicación tamén descansa.

Ninguén se decatou a pensar que as poucas “afortunadas” que teñen un traballo, normalmente este é en precario, en limpezas, coidado de maiores, etc, precisamente polas mañás, e que, por descontado, non se poden permitir o luxo de faltar a él, porque corren o risco de perdelo, por moito que sobre o papel se lles recoñezan os seus dereitos….se é que hai papel, porque a maioría destes traballos forman parte do emprego sumerxido, sen contrato.

Outras, as que nin siquera teñen esa “sorte”, a de traballar unha morea de horas por unha miseria, teñen nenos pequenos aos que atender, que, por suposto, non poden deixar sos, ou, se son un pouco mais maiores, levar e traer ao colexio, ou mesmo maiores dependentes ao seu cargo.

As distancias que teñen que percorrer as veces para todo isto son considerables, e raramente dispoñen dun medio de transporte, nin de cartos para facer uso dos públicos, polo que facer todo o que lles esixen nos pouquiños ratos que consiguen, con un poco de sorte, “escaparse” para tentalo, é tarefa case imposible.

A ninguén se lle pasa pola cabeza, polo visto, a posibilidade de que organismos, institucións, abran polo menos algunha tarde, para que, aproveitando, por exemplo, as horas nas que os nenos están en actividades extraescolares e elas quedan un pouco mais libres, poidan axilizar unhos trámites que tal vez eviten que a violencia de xénero remate coas súas vidas.

Tampouco os que tentamos axudalas o temos mais doado, pola mesma razón, agás, claro está, que se forme parte dun deses colectivos xenerosamente subvencionado, e poidan, en consecuencia, dedicar toda a xornada a esta actividade.

Os demais, o común dos mortais, que temos toda a vontade do mundo, pero ningún recurso, non temos mais remedio que traballar para sobrevivir, polo que nos atopamos con idénticos atrancos, os mesmos que cando solicitamos unha reunión con algún representante dalgunha institución, dalgún organismo, etc, etc. É imposible que ninguén te reciba pola tarde. As tardes non están, polo que se ve, feitas para traballar.

Ante tal panorama non é, porén, de estrañar, que moitas destas mulleres desistan de seguir adiante, porque os atrancos e as dificultades acaban por ser insalvables para elas.

Pero eso non é todo.

Por non facer nada polas tardes, non se fan nin apenas eventos. Cando chega unha data como o 25N, os actos mais relevantes se fan pola mañá, en plena xornada laboral, o cal deixa moi claro para quen están pensados. Ten que estar quen ten que estar, punto, e excluir a quen non se desexa convidar é ben doado. Se ten que traballar, problema resolto.

Esta é a fantástica concienciación da que tanto se fala, esa empatía que lles fai poñerse, seica, na pel das vítimas, polo menos para as fotos. Para o resto xa se irá vendo.

Así que, mulleres vítimas de violencia de xénero, xa sabedes, tentade sair dela, pero, ollo! Soamente polas mañás.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com