" />

Mortos galegos

Hai unha antiga foto do profesor Eduardo Sampayo impartindo clase de ciencias naturais nos xardíns da praza Maior de Lugo, que é a imaxe perfecta dunha educación axeitada ao medio, especialmente en Galicia na que a vida asoma por calquera contorno.

Dixen “a vida”… pero o día de Difuntos, presentei e presenciei unha clase de galego no cemiterio de San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela, o único de Galicia que ten todas as súas lápidas en galego.

A lección recibírona corenta nenos e nenas de primaria do colexio de Paradela, acompañados polo seu profesorado, entre os nichos do cemiterio para escoitar ao Alcalde de Paradela, José Manuel Mato; os arquitectos lucenses Jorge Salvador e Alberte González, responsables da obra; Xosé González, Presidente da Asociación de Funcionarios polo galego e M.ª Xosé Gómez, Xefa de Cultura e Educación da Xunta en Lugo.

A mellor lección é o exemplo, e mellor exemplo ca que os mortos de San Facundo teñan nas lápidas no idioma que falaron en vida, non pode habelo. Se a min, de pequeno, me tivesen levado a un sitio así – non o había, claro – non o esqueceria na vida, e estes nenos experimentaron un impacto especial, contarano nas súas casas, e lembrarán sempre o día en que os levaron a un cemiterio para a lección do día.

Para ensinar galego é bo calquera día e lugar, porque sempre atoparemos exemplos que aplicar. Pero no día dos que habitan a parroquia do máis aló, hai que ir ao exemplar lugar de S. Facundo, para atopar o exemplo perfecto de como relacionar a memoria dos mortos coa presencia dos vivos: Vendo que se lembran en galego os restos dos que en vida falaron sempre no idioma do país.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo