O colectivo Egeria presentou este martes o libro “Lugopoética 2025”, unha publicación que recolle o contido dos encontros literarios celebrados o pasado ano na sede da UNED de Lugo arredor da creación poética na provincia. A iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e forma parte dun proxecto orientado á divulgación da poesía lucense contemporánea.
No acto de presentación participaron o secretario xeral da Lingua, Valentín García; o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; a directora da UNED de Lugo, Ana Traseira; e o presidente de Egeria, Xulio Xiz, ademais doutras persoas vinculadas ao ámbito cultural e literario.
A publicación reúne os contidos de seis sesións desenvolvidas ao longo de 2024 nas que participaron trece autores e autoras da provincia de Lugo. Cada encontro contou con dous poetas convidados —agás unha das sesións, que reuniu tres participantes— e estruturouse arredor de vínculos profesionais, persoais ou xeracionais entre os autores.
Entre os participantes figuran Mar Ferreiro, Lucía López Cancio, Gustavo Enríquez, Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco, Ana Vila, Paco Ledo, Manuel Regal, Xosé Miguélez, Xoan Neira, Toño Núñez, Miguel Ángel Martínez Quintanar e Abraham Pérez. As conversas estiveron coordinadas polo profesor e escritor Xosé Carlos Ulloa.
Durante os encontros, os autores compartiron fragmentos das súas obras e dialogaron sobre os seus procesos creativos, experiencias vitais e visións da literatura. O proxecto reuniu voces procedentes de ámbitos profesionais diversos, entre eles o ensino, a filosofía, o mundo agrario ou o relixioso, co propósito de ofrecer unha mostra plural da poesía feita en Lugo.
A iniciativa Lugopoética naceu en 2024 coa intención de poñer en valor a creación literaria da provincia e crear espazos de encontro entre autores e público. Ademais das sesións presenciais, os contidos tamén se difundiron a través da internet, ampliando así o alcance das conversas.
A segunda edición do programa xa está en marcha desde o pasado mes de febreiro e prolongarase ata xuño con seis novos encontros protagonizados por outros doce autores lucenses. As actividades continúan abertas ao público e poden seguirse tamén en formato dixital. O calendario e a información sobre o proxecto están dispoñibles na páxina web lugopoética.gal.






