" />

Nacimentos

Hai anos, non se concebía un nacimento –daquela, aínda non se lles chamaba “belenes”- sin que a base se fixese cunha capa de musgo que en Vilalba se chama “calquizo”, sen ter idea de cal é a orixe da palabra, e tampouco o sabe a Real Academia Galega, que certifica que ese vocablo non está no seu diccionario.

A base completábase co que se podía, e había quen colocaba vellas figuras de animais, quen recortaba figuras de papel –eu coidaba que era solución perfecta- para facerse á idea de que coas imaxes en papel chegaba. E dise que había quen montaba sobre o calquizo un nacimento completo, pero creo que daquela nunca vin ningún, á parte do que se montaba na igrexa parroquial vilalbesa.

Hoxe temos infinidade de elementos para configurar o belén, menos precisamente ese musgo –“calquizo”,  en chairego- porque, como especie protexida, está prohibido arrincalo no monte, con sancións que poden ir de 1.000 a 200.000 €, segundo a gravedade da infracción. Deste xeito protéxense os nosos montes aínda que non outros, que parece ser que por tres euros se pode mercar musgo – este xa non é calquizo- procedente de China.

Parella protección existe en relación co “muérdago”, que o diccionario da Xunta afirma que se chama así en galego, e a Real Academia di que esa palabra non existe no diccionario, que en tempos se usaba como anuncio do Nadal, e agora se protexe para evitar a súa extinción. E xa non digamos as masacres que en tempos se facían coas árbores no Nadal, sustituídas con bastante éxito por árbores artificiais, aproveitables ano tras ano.

O que en tempos era insustituible para rodear as nosas celebracións nadaleiras foi variando de tal xeito que o que conseguíamos gratuitamente do noso contorno rural hai que mercalo hoxe no comercio, renunciando  a elementos naturais sustituíndoos por plástico que son máis resistentes ao paso do tempo, sen perigo de extincióna pero creando contaminación.

En tempos, montar o nacimento, a parte do nacimento que estivera ao noso alcance, anunciaba o Nadal. Agora son as luces, os agasallos  e os anuncios. Menos mal que nos queda o Belén de Begonte (segundo o diario ABC un dos mellores de España), que a comezos de decembro tódolos anos nos volve aos tempos nos que o Nadal comezaba precisamente pola ilusión do belén.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo