Naomi Kawase e Nabil Ayouch en Codex Cinema

Outra semana máis, dous cineastas de recoñecido prestixio internacional que case non tiveran presenza nas billeteiras lucenses serán os protagonistas da semana en Codex Cinema. Por unha banda, a xenial Naomi Kawase coa súa nova película, convertida xa nunha institución do cinema xaponés e mundial; e por outro lado, Nabil Ayouch, o cineasta marroquí máis internacional.

A historia de Naomi Kawase é moi particular. Comezou a facer un cinema moi pequeno e moi persoal, filmes en primeira persoa sobre a súa propia intimidade. Aqueles filmes eran unha biografía da propia cineasta, onde descubríamos á súa avoa ou os medos e esperanzas ante o seu embarazo. De aí ao  recoñecemento internacional con filmes máis distanciados e filmados en terceira persoa como Suzaku ou Shara, esta última filme maxistral sobre o descubrimento da vida, a esperanza no futuro e a herdanza das tradicións. Cada vez con maior peso na industria de Xapón, comezou a facer filmes máis narrativos e cunha equipa máis profesional.

Así chegaron triunfos internacionais como Mogari no mori (O bosque de loito en España), Nanayo ou Hanezu, sen esquecernos de Unha pastelería en Toquio, o único filme de Kawase estreado en Lugo. En Viaxe a Nara (Vision), Kawase retoma os temas principais da súa filmografía: o enfrontamento entre a natureza e a civilización, a introspección feminina e o viaxe iniciático na descuberta dun mesmo. Esta viaxe a Nara, o lugar de orixe de Kawase, ten algo de viaxe da propia cineasta, a través do rostro e o corpo dunha Juliette Binoche que é a protagonista do filme. A beleza misteriosa dos bosques, as súas cores e os seus sons, son os protagonistas do filme xunto a Binoche. Kawase lévanos a descubrirnos a nos mesmos a través das paisaxes, un viaxe tan agradable como filosófico.

O cineasta marroquí Nabil Ayouch foi mundialmente recoñecido con Ali Zaoua. Príncipe de Casablanca, un filme moi humilde, de certas herdanzas neorrealistas (algo tiña dos filmes de Vittorio de Sica) sobre o decorrer duns rapaces sen futuro na cidade de Casablanca. Nado en Francia, Ayouch foi na busca das súas orixes magrebís a través do cinema, como reflexa outro dos seus filmes, Whatever Lola Wants. O cineasta é unha figura moi controvertida no seu país. Amante e defensor da cultura e de moitas tradicións do seu país, tamén é crítico con moitos prexuízos que permanecen. Esta dualidade está presente nos seus dous últimos filmes, Os cabalos de Deus e Much Loved, e é protagonista tamén na nosa estrea, Razzia, onde existe un enfrontamento total contra o avance do islamismo radical en Marrocos. A través de cinco personaxes, cinco dramas de persoas que non son aceptadas por unha sociedade represora, Ayouch fala dos problemas da actualidade sen ningún tipo de complexos. Non queda claro se a «razia» do título refírese ao aumento dos radicais en Marrocos durante estes últimos anos ou ao desafío frontal que fai Ayouch (cos seus protagonistas) contra a actitude censura dunha sociedade en regresión.

Derradeiros pases
En Codex Cinema hai estreas, mais tamén despedidas. Esta semana toca dicir adeus a Trote, a marabillosa e arriscada película do lucense Xacio Baño, tras tres semanas en cartel. Foi moi especial ter o noso primeiro filme galego en cartel durante tanto tempo e ademais poder contar coa visita do cineasta. Serán tamén as últimas oportunidades para ver Entre dos aguas de Isaki Lacuesta e El silencio de otros de Almudena Carracedo e Robert Bahar.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com