Carlos Armesto Carlos Armesto

Novo cruce de acusacións entre PP e PSOE a conta do edificio da UNED

O voceiro da Deputación de Lugo, Carlos Armesto, acusou hoxe de cometer múltiples irregularidades na xestión que os socialistas fixeron das obras do complexo do Miño para destinalo a Sede do Centro Asociado da Uned en Lugo. Armesto afirmou que existe un desproporcionado desfase orzamentario, xunto a anomalías no procedemento administrativo e a incumprimentos no prazo de execución das obras.

O voceiro dos populares considerou necesario dar a coñecer “a situación real da obra e demostrar con documentos a grave e nefasta xestión do Goberno socialista da Deputación de Lugo que, segundo Armesto, impedirá a apertura esta anualidade do Centro da Uned no edificio do Miño”.

Segundo o deputado provincial un expediente que se abre en maio de 2011, “hoxe, catro anos despois continúa sen rematarse, supoñendo un forte investimento público aos lucenses que non poderán polo de agora dispoñer deste servizo. Logo das ampliacións no prazo de execución da obra, o último concedido remata mañá 18 de setembro, cando a última certificación de obra aprecia que aínda queda o 45,82% da obra sen executar.

“É importante que os lucenses coñezan o funcionamento dos socialistas no Goberno e a situación que motiva que os alumnos da Uned non podan empregar o Complexo do Miño como sede. A maiores, unha vez que se finalicen as obras teremos que resolver servizos tan básicos como o de iluminación que non se recolle no proxecto”, sinalou Armesto.

Armesto afirmou que no proceso de contratación “se exclúen empresas do procedemento de selección sen motivar a causa desta exclusión. Asemade existe unha dilixencia na cal se manifesta que unha oferta foi aberta e pechada posteriormente con celo”. Armesto engadiu tamén que “o contrato se adxudicou fóra do prazo máximo que establece a lei, ao igual que o proxecto”.

Neste senso, o deputado afirmou que a empresa adxudicataria presentou ata un total de tres proxectos (novembro de 2011, marzo de 2012 e agosto de 2013). “Se o primeiro proxecto foi o que serviu de base ás autorizacións e despois executouse o do ano 2013, pódese considerar incluso un incumprimento da autorización sectorial e polo tanto da licenza”, matizou.

Pola súa banda, os socialistas provinciais enviaron un comunicado  no que afirman que a  presidenta do ente provincial, Elena Candia, estivo na mesa de contratación das obras. “O PP pon en dúbida agora o proceso de adxudicación das obras da nova sede da UNED cando a propia Elena Candia participou da mesa de contratación destas actuacións”.

Continúan explicando que a propia UNED redactou o anteproxecto. “A Universidade Nacional de Educación a Distancia elaborou o anteproxecto da nova sede da UNED na capital luguesa valorado en preto de 1 millón de euros. Sen embargo, as obrigas legais en termos medioambientais, de hixiene ou accesibilidade que deben cumprir estas instalacións, así como o propio estado no que se atopaban os tres bloques do antigo Hotel Miño, supuxeron o incremento destas actuacións ata superar os 2 millóns de euros”.

“Todo isto non se contemplaba no anteproxecto da Universidade e era imprescindible incluílo para, por unha banda, cumprir coa lei e, por outra, para que estas instalacións tivesen as características solicitada pola UNED”.

Afirman asemade que as obras contan con todos os informe técnicos favorables dos diferentes departamentos provinciais da Deputación de Lugo e axústanse rigorosamente á Lei, e que o actual goberno provincial conta con orzamento para rematar este proxecto e que só ten que concluir os traballos, “posto que o Goberno progresista xa lle deixou o proxecto, o orzamento necesario e ata débeda cero”, concluíron.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com