Novas

A Xunta de Persoal do distrito sanitario da Mariña convoca unha concentración polas melloras laborais

A Xunta de Persoal do Distrito Sanitario da Mariña convoca unha concentración o vindeiro xoves 16 de novembro ás 11:30 horas na entrada principal do Hospital Público da Mariña para todas as categorías profesionais polas melloras laborais dos profesionais, demandando unha serie de medidas xerais e outras específicas para A Mariña.

As medidas que solicitan para os traballadores da Mariña son a mellora na dotación de material de traballo nas plantas de hospitalización (que consideran “insuficiente e obsoleto”); o dereito a roupa e calzado de traballo suficiente; o dereito a taquillas; o dereito a servizo de lavandería para todos; a mellora do cociente persoal-doente; non pechar camas no verán; as carteleiras axustadas desde xaneiro á xornada anual esixible; e melloras na contratación temporal.

En canto ás medidas xerais, reclamarán a recuperación do 100% da paga extra; a recuperación dos 3 lds perdidos; a carreira profesional co grao correspondente ao tempo traballado; a reclasificación de grupo profesional para todas as categorías; a exención de noites a partir dos 55 anos sen perda retributiva; a xubilación anticipada aos 60 anos; o recoñecemento do solape de xornada; e a equiparación da xornada complementaria por categoría non por destino.

A Plataforma de Veciños do Barrio Centro de Lugo e o Concello reúnense para abordar os problemas que xeneran as obras de peatonalización

A Plataforma de Veciños do Barrio Centro de Lugo reuniuse co Concello para buscar solucións de forma conxunta para as molestias e problemas que sofren os veciños, derivados das obras de peonalización.

No encontro entre representantes da Plataforma, a Alcaldesa e a edil de urbanismo abordouse en profundidade a problemática concreta de cada rúa e praza afectadas polas obras, intercambiando información e buscando solucións efectivas para cada unha delas.

Desde a Plataforma trasladaron o gran malestar dos veciños polas enormes e crecentes molestias e problemas que as obras están a xerar, e unha vez máis ofreceron a súa colaboración para contribuír a minimizalas ou evitalas no convencemento de que ninguén mellor que os propios veciños coñecen as rúas e prazas, as súas peculiaridades e a súa problemática específica.

As preocupacións dos veciños pasan polos malos tratos das zonas verdes do Barrio por parte das empresas responsables das obras, pola deterioración grave e constante do pavimento, a escasa e confusa sinalización, a pouca presenza de Policía Local, as crecentes retencións e o perigo real xerado por esta situación. Solicitaron o corte efectivo do acceso ao Centro salvo residentes, taxis, distribución, usuarios dos aparcamentos, vehículos de emerxencias e autorizados, para minorar así o fluxo de vehículos e evitar moitos destes problemas actuais. Tamén pediron que o Concello priorice aos veciños en canta actuación se realice no Barrio e que se lles manteña puntualmente informados delas co fin de minimizar riscos e molestias.

Tratáronse ademais algunhas propostas xa realizadas pola Plataforma e pendentes de resolución. Nese sentido o Concello confirmou o seu compromiso do mantemento das zonas axardinadas da Praza de Santo Domingo e a súa posible ampliación, pendente do informe da proba de carga. Comprometeuse ademais a reunirse coa Plataforma en canto teña devandito informe para conxuntamente redeseñar a configuración das zonas verdes na Praza.

O Concello confirmou outra proposta da Plataforma: o mantemento da Fonte de San Fernando na súa localización actual e a construción dun pequeno xardín na zona supeditado á conformidade de Patrimonio.

Arrincan as Xornadas Luis Asorey, que abordan o valor e potencial dos soutos

A Deputación de Lugo inaugurou onte a 34ª edición das xornadas Luis Asorey, que organiza a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) coa colaboración da Deputación e o Campus Terra. O Salón de Actos do Pazo de San Marcos acollerá polas tardes, de 19.00 a 21.00 horas, ata o vindeiro día 22 de novembro este ciclo de xornadas, que este ano abordan ‘Os soutos de castiñeiros: ecosistemas multifuncionais’.

O deputado Rivera Capón abriu o foro, que reúne un cento de participantes, xunto ao presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Manuel Lema Rodicio, e o Catedrático Antonio Rigueiro, coordinador das xornadas. Salientou a actualidade e a oportunidade da temática desta edición, polo valor e potencial que teñen os soutos para a provincia e o conxunto de Galicia, tanto a nivel económico, como ecolóxico e cultural. “A recuperación e posta en valor dos soutos e a modernización da produción supoñen unha fonte de ingresos complementaria para as explotacións agrogandeiras, pero ademais favorecen a ordenación do territorio e a prevención dos lumes forestais, así como a biodiversidade e a conservación de hábitats protexidos”, afirmou.

Esta tarde, o tema a tratar será ‘A Sanidade do castiñeiro e da castaña’, a cargo da profesora titular do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da EPSE da USC en Lugo, Fina Lombardero Díaz.

O mércores 15 de novembro o catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da EPSE da USC en Lugo, Roque Julio Rodríguez Soalleiro dará unha charla sobre ‘A Creación de soutos mansos e plantacións de castiñeiros para madeira’.

O xoves 16 de novembro o profesor titular do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da EPSE da USC en Lugo, Juan Luis Fernández Lorenzo, abordará a ‘Conservación de recursos xenéticos do castiñeiro: clons híbridos, cultivares tradicionais, árbores monumentais’.

O luns 20 de novembro o tema a tratar será ‘Material vexetal na produción da castaña: aplicación do Programa de Mellora Xenética do Castiñeiro’. Será Beatriz Míguez Soto, do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, a encargada de impartir a conferencia.

O martes 21 de novembro o xerente da empresa Alibós e presidente da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, Jesús Quintá García, falará sobre a ‘Comercialización e industrialización da castaña. A Indicación Xeográfica Protexida “Castaña de Galicia”’.

O último día das xornadas, o mércores 22 de novembro, o Director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, impartirá a conferencia ‘Programa estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña’.

O Concello de Vilalba pídelle á Xunta que a estación de autobuses se manteña en condicións normais de uso

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, remitiulle onte unha carta ao director xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, Ignacio Maestro, na que lle informa de que a estación de autobuses está sen luz e do perigo desta situación, polo que lle reclama que as instalacións teñan “unhas condicións normais de uso”.

A alcaldesa concreta na misiva que “nos últimos días recibimos frecuentes queixas dos veciños pola dificultade de acceder e camiñar pola zona de parada dos autobuses, xa que está completamente a escuras, co perigo que elo entraña para calquera veciño ou veciña do noso concello que deba agardar un autobús a partir das 18 horas”.

A alcaldesa engadiu que “sobre todo as fines de semana, durante o curso escolar, o volume de viaxeiros aumenta e cómpre que podan agardar e acceder nunhas mínimas condicións”, engade.

Rouco é coñecedora de que a Xunta de Galicia lle comunicou ao Concello de Vilalba o pasado 1 de agosto “a decisión de proceder ao peche das instalacións por unha serie de consideracións de localización e uso”.

“Non sendo competente o concello sobre a instalación, pero si na defensa dos intereses dos veciños de Vilalba, e dado que neste momento aínda non se levaron a cabo as obras de dotación de marquesiñas na contorna da estación actual nin se dispón doutra instalación alternativa na vila, solicitamos o mantemento dunhas condicións normais de uso da estación mentres non exista outra alternativa para a espera, recollida e baixada de viaxeiros en Vilalba”, rematou a alcaldesa.

Codex Cinema estrea este venres os filmes “O sono da sultana”, “O Vello Carballo” e “La Imatge Permanent”

Esta semana os Codex Cinema estrean os filmes “O sono da sultana”, “O Vello Carballo” e “La Imatge Permanent” a partir do venres 17 de novembro.

En “O sono da sultana” Herguera convirte o seu debut en largometraxe nun fermosísimo lenzo de texturas, cores e soños animados que trascende os límites da pantalla. ‘The dream of the Sultana’ é un relato feminista indio escrito en 1905 por Begum Rokeya Hussein. Inés é unha directora de animación española de 30 anos que se atopa en Ahmedabad para romper co seu amante indio. Casualmente entra nunha librería onde descobre esta novela na que se narra un país imaxinario gobernado por mulleres. Fascinada pola historia e a actitude transgresora da autora, Inés decide facer unha película.

No pase de “O sono da sultana” os Codex contarán coa presenza de Chelo Loureiro, produtora da película, quefará unha presentación antes da proxección. Ao remate tamén se celebrará un pequeno coloquio.

“O vello carballo” é unha película construída desde a emoción para o reencontro e a esperanza a pesar de todo.
Ken Loach dirixe unha película sobre o futuro do último pub que queda, The Old Oak, nun pobo do nordés de Inglaterra, onde a xente está a abandonar a terra a medida que pechan as minas. As casas son baratas e están dispoñibles, polo que é un lugar ideal para os refuxiados sirios.

En “La Imatge Permanent”, Laura Ferrés fai gala dunha infrecuente sensibilidade para, coa achega de actrices non profesionais, abordar de maneira sutil e ambigua a intimidade das súas heroínas. A película trata sobre Antonia, unha nai adolescente que desaparece no medio da noite. Cincuenta anos más tarde e moitos quilómetros ao norte, Carmen, unha directora de casting algo introvertida, debe atopar persoas que conten os seus recordos tras cambiar de cidade. Durante a súa búsqueda, Carmen coñece a Antonia, unha muller impulsiva que invade a súa soidade. Quen dixo que o tempo cura todas as feridas?

Un condutor sae ileso tras caer por un desnivel en Guitiriz

Un home sae ileso tras caer por un desnivel en Guitiriz. O condutor, tras saírse da vía, rompeu un valado e precipitouse por un desnivel. Por fortuna, segundo a información recollida no 112 Galicia, a persoa resultou totalmente ilesa.

Un particular foi quen, sobre as 16:00 horas, chamou ao 112 para pedir axuda. Indicaba que circulaba pola A-6, quilómetro 537, dirección Arteixo, en Lagostelle e que vira unha saída de vía dun turismo. Non podía asegurar si había persoas feridas e atrapadas porque non parara pero indicaba que fora un golpe moi forte.

Con estes datos, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos Bombeiros de Vilalba, que se desprazaron decontado ao punto. Ademais, informaron á Garda Civil de Tráfico, aos membros do GES de Curtis e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.

Nada mais chegar ao lugar, os efectivos de Protección Civil indicaron que se tratou dun accidente moi aparatoso.  Afortunadamente, o condutor estaba fora do turismo e, segundo se lle informou ao 112, resultou ileso.

A Asociación Traxandaina impulsará un centro de interpretación do traxe tradicional galego no barrio da Tinería

A Asociación Traxandaina, en colaboración coa Xunta, impulsará un centro de interpretación do traxe tradicional galego na rúa do Miño, no barrio da Tinería

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a Administración autonómica está avanzando nos trámites para que o proxecto, único en Galicia, poida ver a luz nos vindeiros meses. Sinalou que a asociación poderá utilizar un local cedido polo Instituto Galego da Vivenda e Solo á Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para que poida ser empregado como espazo expositivo. O local esta situado a escasos metros da oficina de turismo e o Centro de interpretación do Camiño de Santiago.

Arias subliñou que este proxecto cultural contribuirá a dinamizar este histórico barrio ” introducindo un recurso turístico e cultural máis, que será polo de atracción para os visitantes e para os veciños e veciñas da cidade”.

O IES Basanta Silva de Vilalba acolle unha xornada sobre a prevención de consumo de cannabis

O IES Basanta Silva de Vilalba foi hoxe o escenario dunha xornada formativa, dinámica e lúdica dirixida á mocidade do centro para sensibilizar sobre as consecuencias do consumo de cannabis de cara á súa prevención.

O programa do evento incluíu o uso de gafas de simulación dos efectos do cannabis e os opiáceos, testemuñas, e outros xogos e actividades.

A alcaldesa e responsable da área de Servizos Sociais, Marta Rouco, asistiu á xornada xunto ao concelleiro Luis Fernández. Rouco destacou “o noso compromiso coa promoción dun ocio saudable para a mocidade vilalbesa e para toda a veciñanza por parte do Concello de Vilalba, no que se encadran iniciativas como esta”.

A alcaldesa agradeceu “o interese da comunidade educativa por acoller esta xornada e a atención que prestaron os mozos e mozas do instituto”.

O Pazo de Tor de Monforte acolleu un módulo sobre museoloxía

O Pazo de Tor acolleu hoxe unha xornada dirixida a deseñar e implementar estratexias que permitan avaliar o impacto dos procesos de museoloxía social.

O módulo formativo -“Evaluar para ser sostenibles. Diseño e implementación de un plan de evaluación en Museología Social”-, coordinado por Eloísa pérez Santos, profesora da avaliación psicolóxicas da Universidade Complutense de Madrid e investigadora de públicos de museos, afondou en cuestións como a humanización dos datos ou a importancia de obxectivos e indicadores ben definidos para analizar os resultados dos programas e proxectos desenvolvidos desde os museos.

A deputada Iria Castro achegouse ata ao museo monfortino para seguir o desenvolvemento da xornada na que participaron unha vintena de profesionais e que dá continuidade ao programa formativo Estratexias de Museoloxía Social 2023, que a Rede Museística Provincial desenvolve desde o pasado mes de xuño, con encontros e xornadas presenciais e en liña abertas a profesionais do sector cultural, educativo e creativo do ámbito iberoamericano.

A Xunta entregou unha vivenda de promoción pública en réxime de aluguer no barrio da Tinería

A Xunta de Galicia entregou hoxe unha vivenda de promoción pública en réxime de alugueiro no barrio lucense da Tinería. Trátase dun estudo dun dormitorio situado na rúa Recanto do Miño.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou na entrega das chaves á persoa beneficiaria. Explicou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) traballa para axilizar ao máximo a adxudicación das vivendas dispoñibles.

As listaxes de adxudicatarios elabóranse en base aos datos do Rexistro único de demandantes da Xunta, no que deben inscribirse todas as persoas interesadas en acceder ás vivendas de promoción pública. O prazo de solicitudes está sempre aberto.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com