Novas

Os exames de conducir volverán comezar no aparcadoiro do Pazo dos Deportes

A Deputación de Lugo e a Xefatura Provincial de Tráfico chegan a un acordo para cambiar o punto de inicio dos exames de conducir. A partir do vindeiro 16 de novembro as probas prácticas para obter o permiso volverán ao estacionamento do Pazo Provincial dos Deportes, “unha zona na que é posible resgardarse e que ademais se beneficia da glorieta construída o ano pasado para favorecer os movementos de acceso e saída entre a N-6 e a Rúa Alfonso X ou Sabio”, segundo aclarou a Subdelegación do Goberno.

Para levar a cabo este acordo a Deputación cederá unha parte da explanada do Pazo de Deportes por un periodo de 5 anos, aínda que será posible ampliar este período anualmente e de xeito automático, salvo desacordo dunha das partes.

Ademais continuarase utilizando o actual punto de inicio situado no Paseo dos Estudantes, á beira da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, cuxa localización é considera “óptima” por Tráfico. O Polígono das Gándaras como punto de saída entre a Rúa dos Servizos e a Rúa das Comunicacións tamén se manterá nas probas para obter o permiso de camión ou autobús, de maior duración que as de turismo.

O ano pasado realizáronse na provincia algo máis de 6.000 exames de circulación, dos que practicamente 4.000 se realizaron na cidade de Lugo, cifra semellante a outros anos. No que vai de 2023, a provincia leva case 5.500 probas de circulación, e a capital 3.400.

O novo paso de Recimil entra hoxe en funcionamento

O paso alternativo de Recimil entra hoxe en funcionamento. Así o anunciou a alcaldesa Lara Méndez, que se achegou onte ao lugar para dar conta do final das obras. Este paso provisional será o operativo mentras que Adif constrúa un paso definitivo para os veciños da zona.

Este novo itinerario xorde da necesidade de aumentar a seguridade dos vehículos que teñen que cruzar a vía. O novo paso substitúe ao antigo, no que dous rapaces perderon a vida polo impacto dun tren contra o coche no que circulaban o pasado mes de xullo.

Os traballos realizados por Adif ao longo dos últimos dous meses consistiron na construción dun camiño provisional paralelo á vía que conecta o punto onde se atopaba o paso a nivel clausurado con outro inferior situado a 300 metros en dirección norte. O novo itinerario conduce ata unha infraestrutura que conta coa altura necesaria para o tránsito de vehículos de grandes dimensións.

Dende a subdelegación do Goberno, Isabel Rodríguez indicou que a intención é a de acurtar prazos para a construción do paso definitivo, perseguindo “o obxectivo de consolidar as conexións e facilitar a mobilidade dos lucenses coa máxima garantía” a través da colaboración entre o Concello e o Goberno central.

 

Cortada ao tráfico a LU-P-5303 ao seu paso por Ribas de Sil por mor dun afundimento

A Deputación de Lugo anunciou esta tarde que a estrada provincial LU-P-5303, de San Clodio ao límite provincial por Torbeo, á altura do quilómetro 5, en Ribas de Sil está cortada ao tráfico debido a un afundimento da calzada provocado polas intensas chuvias dos últimos días.

Xa foron habilitados varios desvíos alternativos sinalizados para poder circular pola zona. Dende a Deputación aseguran que xa están a traballar para restablecer o tráfico o antes posible.

Falece un condutor tras saírse da vía e caer por un desnivel na Pobra do Brollón

Un home perdeu a vida esta tarde nun accidente de tráfico despois de que o seu vehículo saíra da vía e se precipitase por un terraplén na Pobra do Brollón. O accidente ocorreu sobre as 16.30 horas no lugar da Lama, na parroquia de Barxa de Lor.

Ata o lugar desplazáronse Urxencias Sanitarias, os bombeiros de Monforte, o GES de Quiroga, axentes da Garda Civil e da Policía Local e varios membros de Protección Civil. Foi necesaria a intervención dos bombeiros para excarcerar ao condutor do vehículo, pero lamentablemente, xa falecera antes de que puideran facer nada.

 

Atragantarse

Pásame poucas veces, pero cando ocorre pásoo bastante mal. Atragantarse, segundo non sei cal diccionario ten dúas acepcións: “Quedarse algo detido ou atravesado na gorxa, obstruíndoa ou impedindo que se poida tragar”, ou “que unha persoa cause fastidio, enfado ou antipatía”.

Aos meus efectos, quedo coa primeira, que equivale ao que cando era pequeño lle chamaban “irse pola gorxa pequena”, que virá ser que algo vaia pola larinxe cando tiña que ir pola farinxe.

Será cousa dos anos, porque eu atragantábame antes menos ca agora, e falo fisicamente da cuestión, porque o que antes non tragaba sigo sen tragalo, xa que hai ben cousas nas que o “non segue sendo non”.

Fisicamente, ao beber – agora que me teñen limitadas as bebidas espirituosas – ata a auga se me ten atragantado, tendo que recurrir a toses repetidas, tragar repousadamente, trasgolar, carraspear… e despois dun anaco ben apurado ir recuperando a normalidade das tragadeiras.

Supoño que a solución estará en ter cuidado cos papados, que non sexan excesivos nin apurados, con tranquilidade aínda sendo apurado de natural, para evitar os meus desasosegos que contaxio de inmediato aos que daquela están comigo.

Son atragantamentos físicos, dentro da primeira das acepcións, pero aínda así sempre penso, sen esquecer o contemplado na segunda, que teño sorte en non andar en política, onde ás veces hai que comulgar con rodas de muiño que seguro se me atragantaban, xa non digamos se estivera nese trece por cento do partido no goberno que non está de acordo con axionllarse diante de Puigdemont, que seguro van ter un grave problema ao tragar (e dixerir) a situación.

Codex Cinema estrea este venres ‘Un amor’, a nova película de Isabel Coixet, e ‘O mestre que prometeu o mar’

Os Codex Cinema estrea esta semana ‘Un amor’, o último filme de Isabel Coixet no que logra que todo resulte absolutamente recoñecible e propio do seu imaxinario. Unha película que se recordará como a mellor da súa traxectoria.

‘Un amor’ xira en torno a historia de Nat, que tras fuxir da súa estresante vida urbana se refuxia na pequena vila de La Escapa, no rural máis profundo. Nunha casa de campo en ruínas, cun can vagabundo, a moza tentará reconducir a súa vida. Despois de afrontar a hostilidade da persoa que lle aluga a casa e a desconfianza dos veciños, vese obrigada a aceptar unha inquietante proposición sexual que lle faio seu veciño Andreas. Este estraño e confuso encontro dará lugar a unha paixón obsesiva e desbordante que envolverá por completo a Nat facendo que se cuestione o tipo de muller que cre ser.

Tamén chega esta fin de semana aos Codex ‘O mestre que prometeu o mar’, película inspirada na vida do mestre Antoni Benaiges. Ariadna descobre que o seu avó busca desde hai tempo os restos do seu pai, desaparecido na Guerra Civil. Decidida a axudalo, viaxa a Burgos, onde están a exhumar unha fosa común na que podería estar soterrado. Durante a súa estancia alí, coñecerá a historia de Antoni Benaiges, un mozo mestre de Tarragona que antes da guerra era profesor do seu avó. Mediante un innovador método pedagóxico, Antoni inspirou aos seus alumnos e fíxolles unha promesa: levalos ver o mar.

Imaxe de arquivo dunha das reunións coa veciñanza do centro histórico

Lara Méndez volve pedir “paciencia” aos veciños e xustifica os retrasos nas obras do Casco Histórico

Lara Méndez volveu pedir “paciencia” esta mañá aos veciños e comerciantes do centro de Lugo ante as obras enmarcadas na peatonalización de Santo Domingo. “Sabiamos dende o principio que isto ía xerar alteracións no día a día, polo que lles damos as gracias á cidadanía por esa paciencia que lles pedíramos”, sinalou a alcaldesa.

Méndez aproveitou para xustificar a simultaneidade das obras que se están executando no centro. Segundo a alcaldesa, débense aos “hitos que nos veñen impostos dende Europa”, en relación aos fondos que foron concedidos ao Concello para levar a cabo estes traballos. Tamén xustificou o retraso nas obras como algo normal neste tipo de situacións: “Hai retrasos porque xorden acontecementos que non estaban previstos”.

A alcaldesa tamén afirmou que a comunicación entre o Concello e os veciños e empresarios  é “constante e continua” e que o PP pretende crear un “circo mediático” co que causar “tensión e crispación” á cidadanía. “Presencialmente xa tivemos moitos encontros coa plataforma da veciñanza que se creou, e coa que temos prevista nos vindeiros días outra reunión para este mesmo fin, máis aló dos correos e as chamadas que son diarias”.

 

Praza de Santo Domingo

A asociación de empresarios Lugo Monumental súmase ás críticas polas obras de Casco Histórico e solicitan unha reunión co Concello

A asociación de empresarios Lugo Monumental recoñece nun comunicado sentirse “preocupados” ante as obras que se están executando por toda a zona de intramurallas pola proximidade da campaña de Nadal, unha das máis importantes a nivel económico para os comercios.

Acusan ao Concello de incumplimento dos plazos -“iban a durar 10 semanas y llevan ya 6 meses”, aseguran- e de non ter en consideración as medidas que suxeriu a propia organización por non ser viables. Tamén puntualizan que toda esta situación se debe á “improvisación y la falta de planificación”, e que estas obras están causando un “caos” no tráfico, persoas accidentadas e rúas moi deterioradas.

Ademais, sinalan que o consistorio non ten vontade de establecer comunicación con eles, xa que “no se nos ha respondido a ninguno de los escritos y propuestas realizados desde hace un año”.

Dende a asociación piden unha reunión co Concello para reclamar varias medidas como levar a cabo unha planificación dos traballos, a presenza da policía para regular o tráfico, formar parte da comisión de seguimento xunto cos veciños da zona, bonificacións e rebaixas nos aparcamentos públicos municipais e abrir unha canle de comunicación coa asociación para coñecer o estado das obras.

 

 

Dous detidos e tres policías feridos tras unha discusión de parella en Lugo

Unha discusión entre unha parella acabou con eles dous detidos e tres policías feridos. Este foi o resultado dunha pelexa que tivo lugar o pasado domingo nun edificio da rúa Magnolia, ao que unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local se achegou despois de recibir un aviso da Sala do 092.

Xa no lugar os axentes entrevistaron á muller, que presentaba unha ferida na man e sangue na boca. Ela explicoulles que discutira coa súa parella por chegar tarde á casa en “malas condicións”. A policía tamén falou co home, que declarou que el tamén fora agredido posto que ela lle propinara varias puñadas no peito.

A policía procedeu á detención do home por violencia de xénero, pero nese momento ámbolos dous cruzáronse e voltaron a discutir violentamente. Os axentes tiveron que separalos, o que resultou en varias feridas leves para tres deles. Despois deste momento de tensión, a muller tamén foi detida por un delito de violencia doméstica e por atentado contra a autoridade.

A parella foi trasladada a dependencias policiais, onde se lles instruíron dilixencias para o Xulgado pertinente.

Unha focha obriga a cortar o tráfico da LU-P-1611 ao seu paso polo Corgo

A Deputación de Lugo comunicou que a estrada provincial LU-P-1611 á altura do quilómetro 12, en San Pedro de Cerceda -concello do Corgo- está cortada dende primeira hora desta tarde por mor dun afundimento da calzada provocado polas fortes precipitacións destes últimos días.

Segundo o organismo, xa foron habilitados varios desvíos alternativos -debidamente sinalizados- e agardan resolver o problema e restablecer o tráfico da zona o antes posible.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com